A COVID19 fprovocou o adiamento da edición do ano pasado mais neste 2021, en concreto os días 24 e 25 de setembro, celebrarase unha nova Pont-Up Store, evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular. En total, desta volta, participarán 41 startups galegas: 36 serán empresas con stands e outras 5 empresas só desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Entre elas hai un grupo de nove iniciativas que decidiron lanzarse ao mercado en datas recentes a pesar das dificultades.
“Pont-Up Store decidiu premiar ese emprendemento valente abrindo nesta edición unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a persoas emprendedoras que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) e tamén a emprendementos que xa participaran en pasadas edicións e que presentasen unha innovación destacable para afrontar con éxito a situación xerada pola COVID19”, indicaron desde a organización. O resultado son oito empresas con negocio de nova implantación e unha que repite no encontro grazas ás innovacións aplicadas na xestión e produción da empresa.
En relación coas iniciativas que foran seleccionadas para edición de 2020, a organización do evento sinalou que hai unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes pero que mantén como denominador común a innovación e a creatividade.
Novidades
O director do encontro, Pedro Figueroa, avanzou que, entre as principais novidades que trae consigo este ano Pont-Up Store “figura un novo proxecto denominado dixital_pontup. Segundo subliñou Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos esixen repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou a pór en marcha “un espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”.
Outra das principais novidades será a creación dunha asociación que se presentará nas datas de celebración do evento e que se chamará Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store. Ten como obxectivos aproveitar a experiencia e os valores promovidos por Pont-Up Store ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto os novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes.
Pont-Up Store contou nas anteriores edicións, así como na actual, co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo.