Actos do presidente

Apertura oficial do curso universitario galego 2021-22 coa presenza do presidente do Consello Social

2021-09-06T09:23:21+00:006 de Setembro de 2021|Actos do presidente, Novas|

A Universidade da Coruña acolleu o venres 3 de setembro a apertura oficial do curso universitario 2021/2022. No acto, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da Xunta de Galicia, avanzou un plan de financiamento universitario que aspira a mobilizar arredor de 3000 millóns de euros entre 2022 e 2026 para garantir “as transformacións e o desenvolvemento das universidades galegas”. O evento contou coa presenza de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, dos tres reitores das universidades galegas, do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e doutras autoridades e membros da comunidade universitaria.

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, organismo anfitrión, fixo mención á situación económica das universidades e reclamou, en nome das universidades galegas, “que o marco financeiro que se estableza responda á necesidade de que as universidades afronten o próximo período cun financiamento estrutural suficiente”; desexo que tamén espera da próxima Lei orgánica de universidades para “reverter a insuficiencia de recursos públicos e privados para os campus”. O reitor da UDC lembrou que aínda non se recuperou o financiamento anterior á crise de 2008 e que o gasto público de España en financiamento universitario está dez puntos por debaixo da media da UE e da OCDE.

O acto de apertura do curso universitario contou coa lección maxistral de Luis Hernández Ibáñez, profesor titular da Área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da UDC e decano da Facultade de Comunicación Audiovisual, titulada Fantasía, xogo e outras realidades. O reto de facer visible a imaxinación.