Colaboracións e patrocinios

Segundo o Informe GUESSS 23/24, que contou co apoio do Consello,  o 13,5% do alumnado da UVigo está a crear o seu propio negocio

2026-02-04T10:25:26+00:004 de Febreiro de 2026|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O 13,47% do alumnado da Universidade de Vigo atópase no proceso de creación do seu propio negocio e o 5,7% xa o puxo en marcha. O 7,3% manifesta intención de emprender ao rematar os seus estudos, porcentaxe que se duplica ata o 15,9% cando se considera o horizonte temporal de cinco anos tras a graduación. Todos estes son datos recollidos polo Informe GUESSS 23/24 UVigo. Intencións de carreiras, espírito emprendedor e iniciativas empresariais do estudantado da Universidade de Vigo, estudo que contou co apoio do Consello Social.

O documento foi realizado polas profesoras da UVigo Mª Isabel Diéguez e Ana Gueimonde e pola directora da Área de Calidade Raquel Gandón. A iniciativa forma parte de Global University Entrepreneurial Spirit Students’ Survey (GUESSS), “o proxecto internacional de investigación colaborativa máis importante do mundo no ámbito universitario do fenómeno emprendedor, que recolle información bianualmente sobre intencións e actividades emprendedoras do estudantado” e que realiza “recomendacións para facer das universidades viveiros de empresas de alto potencial”.

A Universidade de Vigo participou coa elaboración dos seus informes propios nas tres últimas edicións de GUESSS. Nesta ocasión, a análise realizouse en base ás respostas de 3192 estudantes de grao e posgrao da UVigo, o que representa o 16% do alumnado matriculado no curso 2023-2024. O cuestionario e a metodoloxía aplicadas son comúns ás empregadas no proxecto internacional, que nesta edición contou coa participación de máis de 226.000 estudantes de 57 países. “Os resultados do estudo amosan que o emprendemento na Universidade de Vigo presenta unha base sólida de interese e potencial de crecemento, tanto nas fases iniciais como nos proxectos xa consolidados. O conxunto de evidencias revela un ecosistema universitario en expansión, caracterizado pola diversidade de perfís, a creatividade e certo equilibrio de xénero entre as persoas emprendedoras”, apuntan as autoras do informe.

Outros datos e conclusión esperanzadora

As autoras do Informe: Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Raquel Gandón

No conxunto do estudantado o 73,9% a vontade de emprender cinco anos despois de finalizar os estudos, “o que reflicte unha notable estabilidade nas intencións emprendedoras”.  O 61,8% dos proxectos corresponden a iniciativas individuais de autoemprego, un 26,6% conta cun socio e un 11,6% con dúas ou máis persoas asociadas. Os sectores máis representados son o cuaternario (32,8%) –actividades intelectuais e tecnolóxicas como investigación, informática, educación ou consultaría– e o terciario (30,4%) –servizos en turismo, banca, saúde, ou asesoramento legal–.

En canto á fase de desenvolvemento, o documento sinala que un 34,8% dos proxectos non teñen aínda definido o momento de posta en marcha, un 15,7% prevé fundarse ao rematar os estudos, un 23,2% nos dous anos posteriores e un 26,3% mentres o alumnado continúa na universidade. Entre os principais impulsores do emprendemento “destacan as novas tecnoloxías e os cambios sociais e culturais, identificados como motores da iniciativa emprendedora”, apúntase no documento.

A distribución por xénero é relativamente equilibrada (50,5% homes e 46,2% mulleres), e por ramas de coñecemento predominan as Ciencias Sociais e Xurídicas (47,8%) e Enxeñaría (22,5%), que en conxunto representan preto das tres cuartas partes do total. As iniciativas do emprendemento caracterízanse polo seu carácter recente e reducido tamaño: o 65,2% foron creadas nos últimos tres anos e o 48,4% non teñen empregadas ou empregados. “As emprendedoras e emprendedores activos non teñen experiencia, na súa maioría. Unicamente un de cada cinco teñen acometido algún outro proxecto empresarial anteriormente”, sinálase no documento. En termos de dedicación, o 38,3% non considera o seu negocio como ocupación principal e o 32,8% non o ten decidido.

As autoras do estudo sinalan que “os datos evidencian unha comunidade universitaria con crecente interese polo emprendemento, que combina actitudes favorables e diversidade disciplinar, con proxectos aínda incipientes e de pequena escala”. O potencial emprendedor do alumnado da Universidade de Vigo, engaden, “é significativo e en expansión, sustentado nunha base de creatividade, innovación e motivación persoal”. A UVigo atópase, indican por último, “nunha posición privilexiada para reforzar o seu papel como motor de innovación, talento e desenvolvemento económico e social, avanzando con decisión cara a unha universidade plenamente emprendedora”.

Pódese descargar o informe desde a zona de Publicacións da nosa web

IR AO INFORME GUESSS 23-24 UVIGO