Actos do presidente

Entrega dos II Premios Consello Social UVigo-Humana á asociación Provivienda e ao Fondo Galego de Cooperación

2020-12-18T19:29:36+00:0018 de Decembro de 2020|Actos do presidente, Novas, Responsabilidade social, UV-Humana|

A Asociación Provivienda e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade son as entidades que o venres 18 de decembro recibiron o II Premio Consello Social UVigo-Humana, galardóns que recoñecen o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan salientado na súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación.

No acto destacóuse que as dúas entidades representan o traballo “extraordinario” que se está a facer desde a comunidade galega para axudar a conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que son o presente, pero que desde a UVigo ponse tamén en valor o futuro, “a canteira”, recoñecendo o compromiso do seu alumnado máis implicado con todas estas causas cos premios aos mellores TFM/TFG en materia de Axenda 2030.

Alén do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, participaron na cerimonia de entrega de premios, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval. En nome de Provivienda, recolleu o galardón Ana Pardo, responsable territorial da asociación, e en representación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asistiu Juan González, alcalde de Nigrán e presidente desta entidade.

Un fogar digno para máis de 300 persoas e impulsar a cooperación internacional desde os concellos na base da escolla

O evento de entrega de premios realizouse baixo un estrito protocolo de seguridade por mor da COVID19. Na imaxe, captura de pantalla da presentación telemática recollida de UVigoTV.

Provivienda levou o premio correspondente  á categoría de ámbito galego. O xurado valorou a súa traxectoria, salientando a súa actividade en Galicia. “Provivienda inicia a súa actividade nesta comunidade a principios do ano 2017 pero neste breve espazo de tempo vén desenvolvendo un importante labor en todo o relativo ao acceso a vivenda desde unha perspectiva integradora”, valora a resolución do xurado, que recoñece o impacto do traballo realizado por unha asociación que, a pesares de levar pouco tempo implantada en Galicia, facilitou xa o acceso a unha vivenda digna a máis de 300 persoas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade gañou a categoría de ámbito internacional. É unha entidade que dende 1997 vén realizando labores de cooperación internacional para o desenvolvemento cos países do sur e a sensibilización da cidadanía galega arredor dos retos e das desigualdades sociais. A comisión valorou moi positivamente o enfoque descentralizado da rede, “asumindo que o Estado non é o único actor con responsabilidade no ámbito da redución da pobreza e as desigualdades entre norte e sur”. Valoráronse tamén os logros acadados superando na actualidade os 150 proxectos desenvolvidos en máis de 20 países, entre eles Nicaragua, Cuba, Perú, Cabo Verde, Mozambique e os territorios palestinos.

Pedrosa felicita ás entidades e persoas gañadoras

O presidente do Consello Social felicitou aos gañadores, “á Asociación Provivenda e ao Fondo galego de cooperación e solidariedade, merecedores do Premio Consello SocialUVigo_Humana na súa segunda edición”, engadindo “aos hoxe recoñecidos e aos seus representantes, quero dicirlles que xa sabiamos que vos necesitabamos, pero esta nova situación que soportamos amosounos canto, sobre todo nestes tempos nos que algunhas respostas que esperabamos das institucións, da sanidade ou dos servizos sociais víronse desbordadas, e a coraxe e a xenerosidade cívica alargou os seus límites”. Tamén se congratulou por medio deles “para deixar testemuño tamén do profundo agradecemento a todos os colectivos, organizacións e asociacións que actúan cos mesmos fins”.

Rematou cun felicitando os mellores TFG/TFM relacionados coa Axenda 2030: “Non quero deixar de mencionar a María Doira, Natalia Ursula, Duarte, Marta, Deborah Celeste e Lucía Belén, merecedores dos premios TFG e TFM, entregados neste acto. Parabéns. Porque a vós tróuxovos ata aquí o esforzo e o traballo. E iniciades unha traxectoria brillante. Moita sorte”.

Máis información:
> Páxina do Premio Consello Social UVigo_Humana
> Discurso do Presidente do Consello Social neste evento