O Pasado martes 3 de xuño, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, tivo lugar o acto de presentación de dous convenios de colaboración entre a Deputación Provincial de Ourense e a Universidade de Vigo, centrados no desenvolvemento da cultura, a mobilidade e a investigación no campus de Ourense. Contouse coa presencia do reitor da Universidade, Salustiano Mato, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.
O primeiro dos convenios acordados, céntrase no desenvolvemento de actividades de difusión cultural no campus, para o cal a Deputación achegará unha contía de 165.000 euros.
O segundo deles, céntrase en facilitar a mobilidade ao alumnado interesado en cursar algún dos mestrados presenciais ofertados para o curso 2014/2015. Así, facilitaranse 10 bolsas consistentes na exención do pagamento da matrícula no centro correspondente e unha axuda de 600 euros para gastos de viaxe. Como sinalaba satisfeito Ernesto Pedrosa no seu discurso inaugural, “estes estudantes traen ao campus o coñecemento académico e científico de outras realidades culturais distintas, e a vez, proxectan e difunden a nivel internacional a oferta académica da Universidade”. Así, o Consello Social aportará 6000 euros e a Deputación outros 10000 para esta iniciativa que, “constrúe unha ponte sólida entre a Universidade e a Sociedade, coa Deputación como instrumento clave”, explicaba Pedrosa. Ademáis, o presidente do Consello Social apuntou que é importante resaltar o crecente interese do alumnado nestas bolsas que “en tres anos registraron un notable crecemento de solicitudes ata acadar al 32 na última convocatoria”.