Comisión de actividades e servizos

Primeira reunión da Comisión de Actividades e Servizos do ano

2020-02-21T13:06:02+00:002 de Febreiro de 2017|Comisión de actividades e servizos|

Por orde do presidente da Comisión de Actividades e Servizos, don Ernesto Pedrosa Silva, convocouse unha reunión da devandita comisión. A cita foi o xoves nove de febreiro ás 12.00 h na Sala dúas do Edificio Miralles, no Campus de Vigo.

A orde do día, a continuación:

 ORDE DO DÍA

1.  Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (16.11.2016)

Aprobada

2.      Informe do presidente

Dá conta don Ernesto Pedrosa do resumo de acordos e contías económicas aprobadas ao longo das sete reunións celebradas pola Comisión en 2016. Subliña o notable avance que se reflicte respecto a 2015 no reconto de ambos indicadores.

3.      Acordo que proceda sobre a petición de axuda para o desenvolvemento do “Campus Auga con Vida” que fomenta os hábitos de saúde nos tres campus da Universidade de Vigo

O Comisión avalía a participación no proxecto de investigación e intervención para fomentar hábitos e condutas saudables entre a comunidade universitaria. A iniciativa xurdiu en 2012 no Campus de Ourense, e co impulso do Consello Social estendeuse aos Campus de Vigo e Pontevedra a partires de 2013.

A comisión aproba conceder cuantía económica por cuarto ano consecutivo.

4.      Acordo que proceda sobre a proposta de patrocinio dun Premio de innovación social dentro do evento “Hack for Good (H4G)” orientado a resolver retos sociais

Esta iniciativa enmárcase dentro do evento “Hack for Good 2017”, que se celebra simultaneamente en doce cidades españolas, entre elas Vigo. Ten como obxectivo convocar a alumnos e cidadáns que queiran achegar e desenvolver novas ideas, servizos, aplicacións ou tecnoloxías que axuden a resolver problemas sociais. Entre os participantes elixiranse aos premiados en distintos apartados, entre eles á mellor innovación social, que patrocinará o Consello Social.

A comisión aproba conceder cuantía económica.

5.      Acordo que proceda sobre a solicitude de apoio económico para a organización, en Pontevedra, da sexta edición do Salón de educación e da formación “EDUGAL”

Explica o presidente que Pontevedra acollerá a sexta edición de EDUGAL, o maior salón da oferta educativa, na que os expositores terán a oportunidade de dar difusión ás propostas educativas, formativas ou laborais, centradas en Estudos universitarios, formación profesional, formación militar, idiomas, emprego e novas tecnoloxías/e-learning.  Está dirixido a alumnos (sobre todo os que están finalizando a ESO, Bacharelato ou Ciclos de Formación), profesionais do ensino, empresas, centros de formación e institucións educativas. Tras un intercambio de impresións, don Carlos Mollinedo e dona Gloria Pena expoñen senllos puntos de vista sobre a participación da Universidade de Vigo no Salón e sobre o decrecente retorno que ten para a UVigo que aposta cada vez máis por outras fórmulas propias de difusión “con evidente éxito”. 

A comisión aproba conceder cuantía económica.

6.      Acordo que proceda sobre a petición de axuda para a participación de UVigo Motorsport na competición interuniversitaria europea Fórmula Student

Lembra o presidente que se trata da competición interuniversitaria de carácter automobilístico máis importante de Europa, á que acoden máis de cen universidades do mundo cun monopraza deseñado e construído por estudantes para competir en diferentes probas estáticas e dinámicas. A Universidade de Vigo xa estivo presente nas dúas últimas edicións representando a Galicia. Actualmente, 28 alumnos de Enxeñaría Industrial preparan un monopraza totalmente novo para levar aos principais circuítos europeos.

A comisión aproba a súa concesión.

7.      Acordo que proceda sobre a solicitude de colaboración económica na organización do “Congreso euroamericano de Dereito e Política”, no Campus de Ourense

O congreso, auspiciado pola labor conxunta de investigadores da Universidade federal Fluminense e da UVigo, celebrarase en Ourense, baixo a dirección do catedrático da Facultade de Dereito don Guillermo Suárez. Prodúcese un intercambio de opinións entre os presentes, tralo que se pon en cuestión que a proposta se poida denominar como congreso dado o modelo de programa que presenta; así mesmo amósanse obxeccións sobre o cualificativo de internacional. Conveñen os asistentes en que no sucesivo se documenten e se xustifiquen axeitadamente estas denominacións.

A comisión aproba a concesión dunha achega económica.

8.      Acordo que proceda sobre a proposta de patrocinio dunha conferencia na Universidade de Vigo sobre a “Promoción e igualdade da muller como motor de desenvolvemento na sociedade”, a impartir por unha profesora de ética de Nairobi, recoñecida como “Muller africana2017”

A profesora dona Carmen Ruiz Hidalgo promove a conferencia en Vigo da doutora en Filosofía e Letras e profesora na Universidade Strathmore, en Nairobi, dona Antoinette Kankindi, recoñecida como “Muller africana 2017” polas súas vivencias e personalidade.

A comisión aproba a concesión dunha achega económica.

9.    Acordo que proceda sobre a proposta de patrocinio exclusivo do Consello Social solicitada para a “II Xornada sobre dereito deportivo. Dereitos humanos, cine e deporte”, nos Campus de Ourense e Vigo

O eixo central será o tratamento do Deporte dende a súa relación co mundo do Dereito. O presidente destaca a repercusión que acadaron as Xornadas na pasada edición, así como o nivel do programa que se presenta, aspecto este que comparten os asistentes. 

A comisión aproba a concesión dunha achega económica.

10.     Acordo que proceda sobre a colaboración solicitada dende a Delegación de alumnos da Escola de Enxeñería Industrial para desenvolver actividades que favorezan a contratación e empregabilidade dos estudantes das escolas técnicas do Campus de Vigo

A Delegación de alumnos da Escola de Enxeñaría industrial da Universidade de Vigo promove a instalación de stands e outras varias iniciativas durante tres días, para potenciar a contratación dos estudantes das tres escolas técnicas do Campus: Industriais, Minas e Telecomunicación. Os estudantes poderán falar cos responsables de recursos humanos de empresas especializadas nos tres sectores; as empresas poderán comprobar as competencias e capacidades dos alumnos con vistas a posibles incorporacións; e os expertos explicarán as últimas innovacións nos distintos campos das enxeñarías. A secretaria xeral, dona Gloria Pena, cualifica a iniciativa como proveitosa e ben organizada.

A comisión aproba a concesión dunha achega económica.

11.     Aprobación, se procede, e elevación ao Pleno da asignación económica precisa para a realización dos traballos a desenvolver polo Observatorio de egresados durante 2017.

Consonte explica o presidente, o Observatorio de egresados da UVigo, posto en marcha en 2016 polo Consello Social, afronta 2017 como período de análise, avaliación e tratamento dos resultados sobre a situación profesional das persoas tituladas na Universidade de Vigo entre 1990 e 2015, a impresión e publicación dos datos, e a análise individualizado da especialización profesional, localización e ficha técnica e persoal de cada caso. O traballo seguirá a ser desenvolvido polo equipo dirixido polo profesor emérito don Luis Espada, cos obxectivos de abrir un vínculo estable entre os antigos alumnos e a Universidade, facer un seguimento dos titulados, crear unha base de datos que permita coñecer as súas traxectorias e a situación laboral, artellar actividades de extensión e formación permanente, promover o seu apoio e a súa participación nas iniciativas da universidade, e facilitar o retorno das súas experiencias, recursos e capacidades á institución na que se formaron. 

A Comisión acorda informar favorablemente ao Pleno.

12.     Rogos e preguntas.

Non hai

Documentos dos puntos da orde do día

Acta da reunión ordinaria da comisión de Actividades do Consello Social do 09/02/2017