Comisión económica

Reunión da Comisión Económica do Consello Social

2020-02-21T13:06:11+00:0023 de Febreiro de 2017|Comisión económica|

A comisión Económica do Consello Social reuniuse o martes 28 de febreiro. A sala II do Edificio Miralles acolleu aos e ás membros da comisión ás 11.30 h para falar e debater sobre asuntos como o do informe sobre o estado de aplicación das recomendacións da auditoría operativa realizada sobre os procedementos de xestión económica, de investigación e transferencia de resultados na Universidade de Vigo. Tamén se falou na reunión sobre o informe dos convenios asinados pola Universidade de Vigo nos meses de decembro de 2016 e xaneiro de 2017.

LUGAR:                       Sala II do Edificio Miralles – Campus de  Vigo

DÍA E HORA:               Día 28 de febreiro, martes, ás 11:30 h.

ORDE DO DÍA

1.      Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (21.12.2016)

Apróbase por asentimento

2.      Liquidación do orzamento de ingresos e gastos da Universidade de Vigo. Avance da auditoría e análise do informe de execución orzamentaria anual, consonte o Real Decreto-Lei 14/2012. Acordo que proceda e informe ao Pleno.

Acórdase, despois de valorar positivamente o estado positivo das contas da Universidade, informar ao Pleno

3.      Revisión e análise do informe de auditoría operativa sobre o procedemento de aprobación e tramitación de títulos propios, cursos de especialización e outros realizados pola universidade. Informe ao Pleno.

Despois de escoitar a don Alejandro Martínez para explicar os antecedentes da iniciativa, e o proceso de tramitación e elaboración do informe, a comisión acorda trasladar ao Pleno favorablemente e recomendando a súa aplicación

4.      Informe sobre o estado de aplicación das recomendacións da auditoría operativa realizada sobre os procedementos de xestión económica, de investigación e transferencia de resultados na Universidade de Vigo.

O presidente invita a don Rodrigo Cerviño a expoñer os aspectos máis destacados do informe que elaborou e que lle foi entregado aos membros, sobre a aplicación das recomendacións, tanto da auditoría sobre procedementos de xestión económica da investigación e transferencia de resultados da investigación (2013), como da auditoría sobre a xestión de ingresos procedentes da actividade investigadora da Universidade de Vigo (2015). Como conclusión, das doce recomendacións establecidas, dez están completadas e dúas en proceso. A comisión dase por enterada.

5.      Elección, se procede, dun novo ámbito universitario para a realización dun informe de auditoría operativa de procedementos e sistemas.

Os asistentes conveñen en solicitar unha auditoría operativa sobre a legalidade dos procedementos e as ferramentas informáticas relativas á xestión económica do gasto na Universidade de Vigo, así como a validez nas xustificacións das axudas externas e acordan elevar o informe ao Pleno do Consello

6.      Informe previo que proceda para a creación da empresa CAT&D como EBT da Universidade de Vigo, e autorización para a participación no seu capital social.

A Comisión ACORDA emitir informe favorable e dar conta ao Pleno

7.      Informe actualizado do inventario dos bens que integran o patrimonio da Universidade de Vigo, consonte o disposto no artigo 7.1 do Regulamento do Consello Social.

Don Manuel F. Jauregui amosa a través dunha pantalla o sistema de acceso e funcionamento, así como as distintas opcións ás que se pode acceder e así a Comisión dáse por informada

8.      Informe sobre os convenios asinados pola Universidade de Vigo nos meses de decembro de 2016 e xaneiro de 2017.

A comsión dase por informada

9.      Rogos e preguntas.

Suxire don Jesús Graña que a Comisión dispoña de documentación máis precisa sobre os convenios que asina a Universidade de Vigo con contido económico, e solicita que na relación periódica que remite a Secretaría xeral se especifique como mínimo se os convenios son de prácticas, académicos ou teñen repercusión económica.

Don Antonio Macho propón que se traslade ao Pleno a posibilidade de crear un grupo de traballo para levar a cabo un estudo de empregabilidade que permita saber se os egresados desempeñan traballos acordes coa súa formación, como aproveitan o que aprenderon na universidade e se a formación que se imparte adecúase á contorna laboral e ás necesidades empresariais.

Documentos dos puntos da orde do día

Acta da reunión ordinaria da comisión de Económica do Consello Social do 28/02/2017