Histórico

A Escola de Enxeñería de Telecomunicación acolleu o pleno do Consello Social

2020-02-21T13:07:36+00:005 de Abril de 2017|Pleno|

O salón de graos da Escola de Enxeñería de Telecomunicación acolleu a reunión do Consello Social da Universidade de Vigo. Á cita, que tivo lugar o mércores cinco de abril, estiveron chamadas todas as persoas que compoñen o pleno do consello para tratar e debater os fitos acontecidos na institución dende a última reunión en decembro do ano pasado. Ernesto Pedrosa, presidente do consello, convocou ás e aos membros a unha reunión ordinaria ás 11.30 h con 24 puntos do día que se sinalan a continuación.

1.      Aprobación, se procede, da acta da reunión anterior (27.12.2016).

Apróbase por asentimento.

2.      Informe do presidente.

  • Conclusións do Informe sobre as expectativas laborais e a confianza dos alumnos da Universidade de Vigo. Curso 2015/2016

Subliña o presidente o valor das conclusións do Informe que se achega, para coñecer as percepcións dos estudantes da UVigo, a actitude, a opinión e as expectativas que posúen e o índice de confianza que amosan respecto a distintos ámbitos do seu desenvolvemento formativo, académico, laboral ou mesmo persoal.

       De seguido declara o compromiso do Consello Social coa universidade “para fraguar alianzas sólidas e leais”, para que o camiño compartido sexa cada vez “máis útil, a relación máis fecunda e a sospeita máis corta”. Informa sobre diferentes cuestións de interese sobre as que se pediu información ao Reitor, entre elas a reunión co alcalde de Vigo e a primeira visita institucional do presidente da Xunta ao Campus de Vigo, ámbolos dous encontros con noticias positivas e á espera de resultados.

       Coincidindo coa comunicación a este Pleno do interese pola implantación de Enxeñaría Biomédica para o curso 2018-2019, lembra o presidente a valiosa e entusiasta reivindicación que iniciou en 2011 o exmembro do Consello Social don Julio Estévez para que Vigo solicitase esa titulación.

       Abunda nas vías abertas polo Consello Social para achegar información “que nos proporcione diagnósticos sobre a vida e o sentir universitario”, dende as auditorías operativas ata a percepción laboral e a confianza dos alumnos; ou a inmersión no mundo dos antigos alumnos formados dende o principio da universidade, “que nos dará unha forza, unha potencialidade e un futuro sen precedentes”. Con este argumento responde a un rogo de don Antonio Macho -quen pedía un estudo sobre empregabilidade- que parece aconsellable agardar ao retorno e aos datos dos estudos en marcha, antes de acometer accións futuras nas que teña cabida a súa proposta.

            Don Ernesto Pedrosa dá conta, por último, da actividade da Conferencia de Consellos Sociais de España, focalizada, dunha parte en analizar con relevantes expertos xurídicos as responsabilidades nas que poden incorrer os membros dos Consellos Sociais no exercicio das súas funcións; e doutra na reunión co ministro Íñigo Méndez de Vigo, para falar da reforma universitaria, da presencia en estruturas consultivas e foros de  políticas universitarias, e o estudio para as reformas estruturais recentes en sistemas universitarios europeos comparables.

3.      Informe do Reitor.
Asuntos tratados polo Consello de goberno de 7 de febreiro de 2017 e 20 de marzo de 2017.

Principia don Salustiano Mato a súa intervención destacando a importancia da chegada do Pergamino Vindel, fechado entre os séculos XIII e XIV e que contén sete cantigas de amigo de Martin Códax. As xestións feitas dende a UVigo farán posible que o manuscrito saia por primeira vez da Morgan Library Museum de Nova Iorque e volvan á cidade na que se inspirou o trobador para ser exposto entre outubro de 2017 a marzo de 2018. O Reitor cualifica o feito como histórico e resalta que é o acontecemento máis relevante dos últimos anos, ao tempo que anuncia un amplo programa de actividades ao redor e ofrece compartir “esta contribución da universidade á nosa lingua e á nosa cultura, para dicirlle ao mundo o que somos e como somos”.

O Reitor dá conta do cumio de seis presidentes autonómicos do noroeste da península ibérica, reunidos no Campus de Vigo para artellar vías de colaboración e mobilidade; e o encargo da CRUE á UVigo para elaborar un programa de colaboración entre as súas rexións para achegar solucións aos problemas conxuntos. Así mesmo informa de cumios coa Universidade de León e coa Universidade de Porto, e da primeira visita institucional feita ao Campus de Vigo polo presidente da Xunta de Galicia, na que se anunciaron investimentos e referendouse o traballo que se está a facer no proxecto Vigo Tecnolóxico e o compromiso co Campus do Mar.

Sobre a xuntanza que mantivo co alcalde de Vigo e na que se abordaron varios temas, o Reitor remarca a cesión temporal dun espazo no edificio da antiga Reitoría da cidade de Vigo, mentres se constrúe a sede do Berbés; tamén agradece que se abrirán posibilidades de acordo sobre o IBI, revertendo o importe que se pague en bolsas para os estudantes; ou sobre a cesión dos terreos da ETEA ao Campus do Mar “no que quedamos á espera dunha solución” no caso de que non haxa acordo entre as institucións, “e que espero concrétese proximamente”.

Don Salustiano Mato explica o procedemento acordado para a admisión de alumnos e lamenta que se fixera “tan tarde”. Matiza as posibilidades de internacionalización no ámbito dos Graos –“porque teñen unha ocupación do 96%”- e si o ve máis doado nos Mestrados e o Doutoramento. Refire a “importante” oferta formativa en inglés, e o feito de que a UVigo teña o menor número de mestrados en Galicia, e o maior número de alumnos. Describe o acordo coa Consellería respecto ao mapa de titulacións, subliña a solicitude de Enxeñaría Biomédica e lembra a contribución de don Julio Estévez neste senso. Remata este apartado aclarando que o Decreto 3+2 non se aplicará salvo para títulos que non existan no actual catálogo e demóstrese que son novos.

Remata informando das agrupacións estratéxicas existentes na UVigo -cunha no ámbito xurídico-humanístico, “única en Galicia”- e da constitución da agrupación INEX (Industria e Enerxía), aprobada en Consello de goberno, e que constitúe “a última peza” do Vigo Tecnolóxico. Pormenoriza como, a partir de catro grandes áreas, confórmase a estrutura para transferir e trasladar coñecemento.

4.    Calendario e procedemento para a aprobación de modificacións de títulos de Grao, Máster e Doutoramento para o curso 2018/2019.

Manifesta a vicerreitora que as modificacións obedecen a distintas causas, se ben é cada vez máis frecuente que sexa como consecuencia do proceso de acreditación que fan avaliadores externos. Como complemento da documentación remitida aos membros, engade que este procedemento de mellora continua xa forma parte dos procedementos habituais da universidade, e que neste caso afecta a seis títulos de Grao da Escola de Enxeñaría Industrial e a un de Forestais, ademais de másteres.

 O Pleno dáse por informado.

5.    Declaración de interese e procedemento para a elaboración e aprobación das memorias dos novos títulos de Grao e Máster.

Dous títulos de Grao (Enxeñería Biomédica e Deseño e Creación) xunto con nove Másteres son a proposta formativa nova que presenta a UVigo para incorporar no curso 2018-2019. Dona Ana Graña resume o documento entregado con cada unha das propostas e o calendario, e aclara que a memoria final deberase presentar en xullo. Amósase confiada de que a Xunta as aprobará “porque están ben xustificadas”. 

O Pleno dá a súa conformidade.

6.    Informe que proceda sobre aproposta de extinción da titulación propia Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (ESDEMGA).

Explica a vicerreitora que será substituído polo Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, e xustifica o plan progresivo de extinción que se fará curso por curso ata fin do 2020/21, consonte a información que se xunta. 

O Pleno informa favorablemente.

7.    Informe sobre o programa conxunto de estudos oficiais de Grao en Turismo e Grao en Xeografía e Historia.

Anticipa a vicerreitora que existe un notable interese nesta oferta, que abre un novo camiño para que os estudantes poidan acadar dous títulos á vez en cinco anos e medio. Reitera durante a intervención o “gran referendo” social e institucional que ten esta proposta, da que se entrega copia da Memoria. 

O Pleno informa favorablemente.

8.    Informe que proceda sobre o cambio de denominación da “Escola de Negocios Afundación” que pasa a ser “Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa” (IESIDE)

O Pleno aproba o cambio de denominación.

9.    Informe sobre o límite de prazas de Grao e Máster para o curso 2017/2018.

Durante a súa comparecencia, dona Ana Graña dá conta deste punto –polo que se anticipa na orde do día-, para sinalar, en síntese, que se trata dun procedemento habitual no mes de abril, que non se poden aumentar prazas, e que hai dous pequenos axustes á baixa: seis alumnos menos no Grao de Comercio, e 5 alumnos menos en cada unha das titulacións de Turismo e Historia para crear o dobre título. Nos mestrados mantense a oferta dos últimos cursos, por entender que están ben axustados á oferta. 

O Pleno dáse por informado.

10.    Aprobación definitiva, se procede, da creación da Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) CAT&D, e da participación da Universidade de Vigo no seu capital social. (O informe previo favorable do Consello Social foi emitido pola Comisión Económica na reunión de 28 de febreiro de 2017).

O Pleno dá a súa aprobación definitiva.

11.    Aprobación, se procede, dos prezos mensuais no complexo residencia As Burgas (Ourense), para o curso 2016/2017.
Acordos e propostas, con informe favorable da Comisión Económica (sesión de 28.02.2017). 

O Pleno dá a súa aprobación.

12.    Liquidación do orzamento de ingresos e gastos da UVigo no exercicio 2016. Avance de auditoría e análise do informe de execución orzamentaria anual, consonte o Real Decreto-Lei 14/2012.

O Pleno dáse por informado.

13.    Informe final e aplicación, se procede, das conclusións da auditoría operativa sobre os “procedementos de aprobación e tramitación dos títulos propios, cursos de especialización e outros realizados pola Universidade de Vigo”.

O Pleno dá conformidade as conclusións e recomenda a súa aplicación.

14.    Estado de aplicación e aproveitamento das recomendacións da auditoría operativa realizada sobre os “procedementos de xestión económica, de investigación e transferencia de resultados da Universidade de Vigo”.

O Pleno dáse por informado.

15.    Ratificación, se procede, da realización dunha auditoría operativa sobre “legalidade dos procedementos e as ferramentas informáticas relativas á xestión económica do gasto na Universidade de Vigo, e da validez nas xustificacións das axudas externas”.

O Pleno aproba a proposta.

16.    Informe do inventario dos bens que integran o patrimonio da Universidade de Vigo, consonte o disposto no artigo 7.1 do Regulamento do Consello Social.

O Pleno dáse por informado.

17.    Convenios asinados pola UVigo nos meses de decembro de 2016 e xaneiro de 2017.

Propostas e acordos, con informe favorable da Comisión de Actividades e Servizos (sesión de 09.02.2017).

O Pleno dáse por informado.

18.    Aprobación, se procede, do plan de traballo a desenvolver polo Observatorio de egresados en 2017, e da consignación económica correspondente.

Don Ernesto Pedrosa presenta a proposta subliñando o interese que ten a iniciativa para a universidade e para acción orientadas á captación de recursos de todo tipo.

O Pleno aproba a proposta.

19.    Outros acordos.
Propostas, informes e acordos, con informe favorable da Comisión de Actividades e Servizos (reunión de 14.03.17) 

O Pleno dáse por informado.

20.    Aprobación, se procede, da distribución e asignación de axudas previstas no Plan de apoio a titulacións para fomentar as prácticas preprofesionais.

Expón o presidente as liñas xerais das axudas e os criterios seguidos para a adxudicación final dos importes, nos que adquire presencia o grao de execución da axuda concedida na edición anterior.

O Pleno aproba a distribución. 

21.    Aprobación, se procede, da proposta de realización da terceira edición e impresión do “Estudo sobre a evolución da percepción laboral, confianza e valoración dos alumnos da Universidade de Vigo, e ponderación dos resultados dos cursos 2014/15 e 2016/17”.

Apunta don Ernesto Pedrosa a valoración altamente positiva coa que foi acollido este estudo, por permitir coñecer aspectos valiosos do perfil dos estudantes da UVigo, e mesmo pola súa singularidade no contexto universitario español. Sinala como plus engadido que esta edición permitirá dispor de indicadores sobre a evolución histórica do último trienio. 

O Pleno dá a súa aprobación.

22.    Aprobación, se procede, da asignación económica precisa para a organización das “IV Xornadas de Fundraising e Mecenado”, promovidas polo Consello Social.

O Pleno dá a súa aprobación. 

23.    Outros acordos.

O Pleno dáse por informado.

24.    Rogos e preguntas.