Promover “unha reflexión da Universidade sobre si mesma” é, como explica o profesor Fernando Ramos, o obxectivo central do III Foro do Consello Social que, con ese propósito, propón este martes un debate sobre a comunicación da propia institución académica e as súas relacións coa sociedade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Con ese obxectivo, representantes de diferentes medios participaron nun coloquio sobre o tratamento informativo da Universidade de Vigo na prensa galega, nunha xornada na que tamén se abordou a imaxe simbólica da institución e o labor que realizan os seus servizos de comunicación e imaxe.
“Sen dúbida, os medios son os grandes configuradores do mundo”, salientou o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, no acto de apertura da terceira edición dun foro que leva por título Comunicación e relacións públicas para a universidade moderna, e no que estivo acompañado por Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus, e Fernando Ramos, director académico das xornadas. Un foro que “ten como obxectivo representar unha imaxe fiel da Universidade”, na que, como salientou Pedrosa, a comunicación é un “vehículo imprescindible para facer posible” que a institución e a sociedade “fragüen un proxecto colectivo de futuro”.
Na procura dun maior “coñecemento mutuo”
Corbacho, pola súa banda, lembrou que Vigo atópase entre as 50 mellores universidades novas do mundo, fundadas a partires de 1986, segundo o ranking de The Times Higher Education, un fito ao que “as estratexias de comunicación teñen contribuído sen dúbida”. De aí que puxese o acento na importancia que teñen para a institución a comunicación e o protocolo, como demostra un foro que se verán sucedidas nesta facultade polas VI Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública, que se desenvolven nas xornadas de mércores e xoves con máis de 200 estudantes matriculados, e pola celebración no campus de Vigo, entre o 25 e o 27 de maio, do XVI Encontro de Responsables de Protocolo e Relacións Institucionais das Universidades Españolas- VIII Encontro hispano-luso de Protocolo Universitario.
Nese mesmo senso, Ramos puxo o acento en que servir como “elo que relacione a universidade coa sociedade” é un dos propósitos fundamentais dos consellos sociais, aspecto no que tamén incidiu Pedrosa, quen subliñou a importancia de “propiciar o diálogo e o coñecemento mutuo” para evitar “os espazos escuros que moitas veces imposibilitan o encontro entre a universidade e a sociedade”. Neste punto, o presidente do Consello Social recoñeceu “grandes avances”, xa que os medios “incrementaron notablemente o espazo reservado á información universitaria”, ao tempo que salientou que as universidades se atopan nun “fin de ciclo” que fai preciso “renovas as linguaxes, o modelo, os obxectivos e os recursos, pero, sobre todo, a conexión coa sociedade”.