Actos do presidente

Ernesto Pedrosa: “Imos conseguindo que o camiño que compartimos Universidade e sociedade sexa cada vez máis útil”

2020-02-21T13:12:12+00:0019 de Outubro de 2017|Actos do presidente, Discursos do presidente|

Intervención de Ernesto Pedrosa no acto de apertura do Programa Universitario de Maiores da Universidade

 

Un ano máis teño o pracer de compartir con vostedes este acto, aínda que só fose para revelarlles que ás veces penso que son vostedes mesmos, máis aló das frases animosas e os halagos cos que se lles recibe, os que aluman e anticipan o que queremos e buscamos todos os demais nas universidades e nas novas prestacións e o cambio de modelo que lle pedimos. E dino os datos.

A porcentaxe de persoas de entre 25 e 64 anos que participa nalgunha actividade formativa ou educativa en España é cada ano menor, e en 2016 chegou ao seu nivel máis baixo: o 9,4%. E sempre con máis mulleres que homes. Na UE o dato era de 10,8%; en Suecia o 29,6%, e en Bulgaria o 2,2%, para que teñan vostedes unha idea. A pesar das recomendacións europeas para fomentar a aprendizaxe permanente ao longo da vida, e de propoñerse a UE como obxectivo alcanzar o 15% en 2020, a participación da poboación adulta en procesos de mellora de formación, cualificación e actualización non mellora.

Doutra banda, tamén se rexistra un importante descenso entre quen se matricula con máis de 26 anos na universidade. Os datos do últimos catro cursos arroxan unha primeira conclusión: cada vez menos persoas maiores de 26 anos, é dicir que queren seguir estudando pasado xa o seu período natural de formación, elixe unha carreira para facelo. Tamén porque xa case ninguén opta por facer unha segunda carreira. A cambio cobra forza o mestrado, un título que gañou moito peso entre os estudantes maiores de 26 anos, porque se percibe como chave para acceder ao mundo laboral, despois de comprobar a ineficacia do Grao do Plan Bolonia para ese fin.

E por outra banda, tamén aumenta a formación á carta e a oferta de estudos adaptados a un mercado no que a metade dos graduados exercen profesións que non existían fai dez anos, nun escenario no que non hai que educar para a sociedade ou a industria que temos, senón para a que queremos ter. A universidade Pompeu Fabra, por exemplo, creou un Grao Aberto, que así se chama, dirixido a estudantes que queren aprender múltiples disciplinas durante un ano, antes de elixir o estudo para graduarse. Ou o grao en Global Studies, para comprender o mundo e formar líderes internacionais.

Bo, pois eses horizontes xa os avistaban vostedes antes.

O achegamento que vostedes fan á educación superior transforma a existencia mesma das universidades, alarga a súa lexitimidade social e determina en boa medida a súa rendibilidade pública. A través de vostedes, nesta época de planicies vitais, a universidade convértese nun sentimento vertical dentro da sociedade e nunha forxa de valores especialmente saudables para a convivencia e a calidade de vida de todos nós. Porque propician unha universidade enriquecida que conecta co sistema produtivo, coa vida empresarial, co mercado de traballo, pero sobre todo co renovado e cambiante pulso da sociedade. Que cohesiona, innova, suma e acompaña os cambios sociais.

É por iso que con vostedes a Universidade contribuirá a fortalecer a base cívica da nosa sociedade e abrirá camiños para evitar desigualdades na vertixinosa sociedade do coñecemento, para resolver problemas reais, para achegarnos aos obxectivos, para crear espazos para a reflexión e a creatividade nunha sociedade xusta e de progreso, para axudarnos a proporcionar a formación que requiren os tempos, e para a mellor comprensión do complexo mundo que habitamos. Vostedes enriquécennos estando aquí. Son en si mesmos un centro de coñecemento e de testemuño de extraordinario valor, son unha forza docente ilustrada por frutíferas traxectorias e responsabilidades, por brillantes currículos profesionais ou por acreditadas e excelentes experiencias.

Así que, de vostedes, que veñen á universidade para aprender, teremos que aproveitar e pedirlles que tamén veñan ensinar.

Nese mesmo empeño quero comunicarlles que o Consello Social está a promover o primeiro estudo sobre a situación laboral, profesional e lugar de residencia de todos os titulados da Universidade de Vigo durante toda a súa historia, que deu pé a crear unha completa base de datos para poñer en marcha unha Oficina de egresados. Un equipo dirixido polo profesor Luís Espada dedicou cantidades inimaxinables de horas e esforzos para acceder a miles de datos, extraídos en gran parte da máis absoluta escuridade. O que inicialmente foron miles de cartas e miles de e-mails, miles de devolucións e miles de non respostas, foron convertidos na máis precisa foto da historia da UVigo, construída coas vidas das súas egresados. Un fito no mundo universitario da contorna, e que aluma a cara ata agora descoñecida dunha universidade que se somete ao exame do seu pasado. Que estaba por contar.

Os datos merecen un seguimento atento e posibilitan moitas reflexións, pero quero anticipar algunhas alertas que me parecen relevantes sobre unha universidade que empezou con nove titulacións e ofrece xa 112. Que en 25 anos entregou 82.330 títulos a 71.487 persoas de 50 países, unha gran maioría mulleres e máis da metade correspondentes á rama Xurídico-Social.

Nas súas laboriosas pescudas, o equipo de Luís Espada descubriu que en 68 países do mundo hai egresados da Uvigo traballando, e moi importante: a maioría na especialidade para a que se formaron. E fano cos coñecementos adquiridos na UVigo. Temos entón un indicador de calidade do ensino que imparte e da súa aplicación. Pero tamén coñeceremos como foi a súa traxectoria vital e profesional, onde traballan, tamaño da organización, en que lugar do mundo están, con que mobilidade laboral, cal é o seu status, en que medida foilles útil o que estudaron ou que materias quitarían ou potenciarían agora que coñeceron o esixente mercado laboral; e que lle falta ou lle sobra á carreira. Estas son só algunhas das exhaustivas, profundas e abundantes informacións que extraeremos deste traballo, que nos permitirán descubrir e aflorar unha universidade case descoñecida.

Máis aló de aproveitar as súas posibles clases maxistrais, de converterlles en impagables aceleradores de emprego, ou de proclamarlles potenciais financiadores, os titulados, do mesmo xeito que vostedes, acumulan un inmenso poder para difundir e fortalecer o coñecemento masivo da universidade xunto á reputación da propia marca universitaria. Son en si mesmos axentes mediáticos e fontes de gran interese para os medios. Por aí axudarán a que se vexa á universidade.

E se pensamos que as esixencias laborais de determinados perfís profesionais avanzan máis rápido que o ámbito académico, que hai un desequilibrio entre as titulacións máis demandadas e as que teñen mellor inserción laboral, e que a educación ten que aspirar a conectar o que se sabe ou se pode chegar a saber, co que se fai, ou se vai a poder facer, a experiencia dos titulados tamén do mesmo xeito que a de vostedes- volve ser tan valiosa como imprescindible.

E nesa liña imos conseguindo que o camiño que compartimos universidade e sociedade sexa cada vez máis útil, a relación máis fecunda e a sospeita máis curta. En 2020 calcúlase que só un 15% dos postos de traballo en Europa serán de baixa cualificación, e hoxe en España a porcentaxe de adultos con só estudos obrigatorios triplica esa cifra. Aí hai moito por facer. A ese reto tamén estamos chamados todos.

Agradézolles sinceramente o seu traballo, o seu esforzo, as súas sensibilidades e as súas achegas, e ?do mesmo xeito que aos egresados- a vostedes pídolles que transmitan, difundan e proclamen a súa confianza na nosa Universidade, porque con esa actitude estarán a forxar os alicerces do noso futuro co material de máis alta resistencia: o afecto. Quizá o que máis necesitan hoxe as universidades: afecto e recoñecemento.

Vigo, 19 de outubro do 2017