O Consello Social da Universidade de Vigo colaborou na XVIII asemblea xeral ordinaria da Anecafyde (Asamblea Nacional de Estudiantes de Ciencias de la Actividad Física y del Deporte), un encontro dirixido a debater sobre o presente e futuro desta titulación e dos seus alumnos e alumnas. En concreto, o Consello apoiou o aspecto formativo, consistente nunhas xornadas promovidas pola delegación de estudantes e que tamén contou coa colaboración da facultade. Foron sete conferencias que tiveron como eixo “o papel dos graduados no ámbito da saúde, xa que hai moito debate de se a nosa profesión pode chegar a abordar temas de saúde ou non”, explicou Zelayarán, representante da facultade na xunta directiva. Con este obxectivo, a xornada contou coa participación do especialista en exercicio físico para poboacións con necesidades especiais David Gil, da experta en actividade física, embarazo e posparto Aida Soraluce, do preparador físico e readaptador do RC Celta Pedro Docampo ou do cardiólogo do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo Rafael Vidal. “Quixemos traer a conferenciantes que se dedican a traballar con xente no ámbito da saúde e que demostran como axuda o deporte nestas situacións”, salientou Zelayarán.
Da man da Delegación de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a asemblea desenvolveuse entre o xoves 28 e o domingo 31 de marzo. Fíxoo, ademais, cunha das participacións máis elevadas desde a constitución da Anecafyde en 2010, estando presentes nesta edición 30 das 39 universidades que forman parte deste colectivo estudantil.