Actos do presidente

O Presidente do Consello inaugura o congreso Comunicación social e opinión pública nas ditaduras

O congreso “pretende subliñar a importancia da comunicación nos contextos ditatoriais e autoritarios, realizada por gobernos e movementos de todo tipo co propósito de tentar conquistar o poder ou conservalo”, como sinalou o profesor Alberto Pena, presidente do comité organizador. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa reivindicou o papel da universidade como “unha factoría de solucións”, nun mundo caracterizado “pola propensión á posverdade e no que a mentira vence porque está deseñada para ter máis éxito”. “Este é un momento importante para este tipo de encontros, que teñen que ver co control mediático, cos medios de comunicación de masas e como estes nos axudan ou non á hora de ter criterio sobre o que nos move como sociedade”, engadiu o vicerreitor Jorge Soto. “Estamos vivindo unha época de auxe do autoritarismo”, aseverou o decano, Xosé Baamonde, quen incidiu na importancia de que “sexamos coñecedores destas estratexias de comunicación” na inauguración dun congreso que, lembrou, coincide co 25 aniversario da facultade.

Sete mesas de debate

Xunto ás narrativas, a retórica do poder na prensa, o uso propagandístico da política social e cultura de masas, as representacións da historia e da memoria, a opinión pública, a censura e represión e as perspectivas transnacionais da propaganda política centran as sete sesións debate que se desenvolven nas xornadas de mércores e xoves, no marco dun congreso que se celebra por segunda vez en España despois da edición que o propio Pena coordinou en 2013 na illa de San Simón. Este evento abriuse cunha conferencia do catedrático da Università di Bologna e coordinador da Refat, Alberto de Bernardi, sobre como a Italia fascista fixo uso da propaganda para converter unha dieta baseada na escaseza nun modelo de “dieta austera” vinculada ao progreso do país. A investigadora da Autònoma de Barcelona Carme Molinero, cunha conferencia sobre a política social na propaganda franquista, será este xoves a encargada de clausurar un congreso que inclúe tamén no seu programa unha recepción institucional na Vicerreitoría do campus.

O congreso conta co apoio do Consello Social da Universidade, da Vicerreitoría do campus e da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

Recollemos a seguir as palabras coas que o presidente inaugurou o congreso:

Vicerreitor do campus, decano da facultade, profesor Alberto Pena

reúnen vostedes hoxe aquí moito coñecemento e cárgannos de esperanza. Cando o director do comité organizador deste congreso acudiu ao Consello Social que presido, a pedir axuda para este encontro, faltaba máis dun ano para que chegase este día. Pareceume demasiado prematuro entón, pero hoxe comprendo que para alcanzar este nivel, estimado Alberto Pena, era necesario madrugar cos preparativos. E moito.

Ben, brevemente quero dicirlles que son dos que confían na universidade como factoría de solucións. Non digo que ela soa nos salve do modelo social especulativo, da propensión á posverdad, ou dun mundo no que a mentira vence simplemente porque ten máis éxito e porque está deseñada para telo.  Quizá a universidade, ela soa, non poida salvarnos dese mundo incoherente e incerto; pero estou seguro que posúe a capacidade suficiente para alumarnos e sinalarnos as saídas.

Resúltame ademais moi reconfortante que a universidade non sexa allea aos grandes problemas que ameazan o mundo globalizado ao que viaxamos máis rápido do que a nosa capacidade de achegar a solucións aconsella. Nesta vertixe, a universidade convértese nun extraordinario aliado cando non dá as costas aos riscos que se nos presentan, nin ás enormes simas morais que se abren ante nós. Porque a universidade non pode asistir impasible ás dificultades, nin ser insensible ás carencias éticas e sociais máis elementais. A universidade está obrigada, como mínimo, a non calar ante as agresións de calquera tipo que desafien a convivencia, a esperanza ou o futuro; en calquera lugar que se produzan. E entendo que preservar e hixienizar a comunicación, como instrumento fundamental de avance, resulta esencial.

Digo sempre, e ouvíronmo xa nesta facultade, que a comunicación é un compoñente básico para o desenvolvemento efectivo das nosas competencias como Consello Social, un vehículo imprescindible para cumprir a misión que se nos encomendou e, seica, onde reside a maior potencialidade para facer posible que a sociedade e a universidade fragüen un proxecto colectivo de futuro.

Axudar a que a universidade comunique mellor debe ser un dos labores dos consellos sociais, un dos índices de calidade máis valiosos. E ese labor redundaría en que os propios consellos atopasen o seu espazo e sinalizasen mellor o seu camiño. Por iso comprometémonos con zonas de pensamento activo como este congreso.

Esa é unha das moitas razóns polas que me declaro orgulloso de poder estar hoxe aquí, neste foro no que as inquietudes sociais e as fórmulas universitarias búscanse e benefícianse mutuamente, coa comunicación como principal destinatario da nosa atención.

A universidade fai ben cando actúa en procesos educativos abertos fóra das aulas e das idades estudantís. E ten unha responsabilidade especial coa súa contorna, con novas metodoloxías docentes orientadas á aprendizaxe durante toda a vida, coa actualización de coñecementos e coas competencias. En iniciativas como esta é posible debater, descubrir, compartir, aplicar, comunicar, liderar saberes, reflexionar  e forxar cultura. E, aínda por riba, fortalecen a cohesión social, a igualdade de oportunidades e a comprensión do mundo que habitamos.

Satisfaime que viñesen até aquí, espacial e intelectualmente. Porque non vexo outra institución tan capaz de abrir camiños para reducir as desigualdades, resolver problemas reais e crear espazos para a reflexión. Nesta época de planicies vitais, a universidade debe converterse nun sentimento vertical dentro da sociedade, nunha inxección de valores sans para a convivencia, para o coñecemento ético, para a igualdade, a transparencia e para a cooperación solidaria.

Vostedes tráennos  valores,  prestixio e o espírito do seu empurre, cun foro de elevado nivel científico. Chegan para facernos partícipes do seu apaixonante e enriquecedor saber, e para axudarnos a mellorar. Recibímolos con afecto, con orgullo e coa convicción de que, realmente, despois deste encontro, lembrarémolos con gratitude.

Ben sei que son tempos en que a verdade importa pouco, mesmo está devaluada, mentres a mentira gaña en rango e acomódase no mesmo plano da realidade. Aí vostedes sementan certezas. E nos infunden esperanza. Con vostedes maduramos como sociedade. E crecemos como cidadáns. Porque vostedes xeran riqueza moral, condutas atentas e afáns esperanzadores.

Grazas a quen fixeron posible este congreso. Grazas a quen o encheron de contido. E grazas a quen seguirán traballando nas conclusións. Aínda que só sexa porque, con vostedes aí, fáisenos máis levadía a incerteza .

En Pontevedra a 15 de outubro de 2019

[Informacións e imaxe recollida dunha nova do DUVI]