Neste 7º encontro, o relatorio tivo por título Novas sinerxías para a creatividade e a innovación social e foi Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, o encargado do mesmo.
No almorzo do Foro Empresa Pontevedra participaron sobre 30 representantes do sector empresarial que escoitaron ao vicerreitor poñer de relevancia o papel da Universidade na innovación e o emprendemento: “a Universidade xera riqueza a través da investigación, das patentes, dos proxectos con empresas, é dicir, da innovación coas súas patas fundamentais, a transferencia e a investigación”.
O presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, estivo presente no acto no que Jorge Soto puxo en valor o campus pontevedrés, “que reúne preto de 4000 persoas”, así como o seu proxecto de especialización arredor da creatividade e innovación social e sustentable, xunto co feito de que se trate do único Green Campus de España. “Estamos xerando riqueza na cidade e temos moitas cousas que dicir”.