O Consello Social fai público un manifesto a favor das Universidades públicas e do Sistema Universitario Galego

2019-12-30T18:01:12+00:0030 de Decembro de 2019|Novas|

O pasado 27 de decembro reuniuse no Liceo de Ourense o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo. Durante o mesmo, a totalidade dos membros presentes subscribiron un manifesto que valora positivamente a realidade actual da universidade pública como espazo de formación e como ferramenta investigadora. O documento fai pública a defensa do Consello respecto das universidades galegas e do Sistema Universitario que conforman, estimando que “non hai necesidade de novas universidades en Galicia” e instando ás institucións públicas ” a que poñan na axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que o SUG sexa cada día un pouco máis forte e poida aspirar a ocupar posicións de privilexio na escena internacional, convencidos de que isto redundará nunha mellora das capacidades e do funcionamento da sociedade galega”.

Polo interese do documento publicámolo na súa totalidade.

Manifesto do Consello Social a favor das universidades públicas e do Sistema Universitario de Galicia.

A Universidade pública española ten acadado nos últimos 30 anos niveis de calidade impensables antes do desenvolvemento da Lei de reforma universitaria. Neste momento cumpre de xeito excelente coa tripla misión que a sociedade lle encomenda.

En primeiro lugar, é quen de formar magníficos profesionais e cidadáns con capacidade crítica. Non é preciso insistir en que temos neste momento a mocidade máis preparada da historia de España. Ante o reto de Bolonia, responderon, aínda que sen medios adicionais, facendo que os nosos estudantes, ademais do coñecemento que xa se viña impartindo, acaden unha serie de competencias que no pasado non se desenvolvían axeitadamente.

Por outro lado, o nivel de investigación das universidades públicas españolas coloca o sistema español de ciencia e tecnoloxía entre os 11 mellores do mundo… malia que o nivel de investimento en I+D está claramente por baixo do dos países máis avanzados. A Universidade pública é a maior contribuínte á produción científica de calidade en España.

Tamén está a facer os deberes no eido da transferencia. A Universidade é cada vez máis consciente da súa misión de participar na mellora do tecido produtivo a través da colaboración coas empresas e con outras institucións, facendo que os coñecementos adquiridos nos laboratorios e seminarios chegue a producir melloras sociais.

No contexto internacional, pódese dicir que no sistema universitario español non hai universidades malas. Practicamente tódalas universidades españolas compiten por posición relevantes nas clasificacións internacionais. Aínda que decote se reciben críticas por non ter ningunha universidade entre as 100 mellores do mundo, en España non hai universidades públicas de baixa calidade e, obviamente, os orzamentos de que dispoñen as universidades españolas maiores non permiten competir cos xigantes dos países con máis tradición e esforzo investidor en I+D.

O Sistema Universitario Galego está constituído arestora por tres universidades públicas; todas elas teñen un nivel elevado na formación de egresados, na investigación e na transferencia, ademais de estaren comprometidas coa mellora social. Durante os últimos anos, están atendendo conxuntamente as demandas sociais de formación, axustando decontino as titulacións de grao e de máster á demanda, e facéndoo de xeito coordinado coa Consellería de Educación. Nestes momentos están a permitir que as prazas ofertadas permitan case por completo á cidadanía estudar practicamente calquera titulación de grao que desexen. Ninguén queda fóra, e son quen de permitir, con prezos públicos moi baixos (en Galicia decidiuse optar por non subir os prezos durante toda a crise) que as galegas e os galegos estuden preto da casa. Esta harmonización da oferta das tres universidades é a base para unha oferta sostible no tempo, mesmo neste momento no que estamos ás portas dunha baixada de estudantes locais por mor da crise demográfica.

Pensamos que non hai necesidade de novas universidades en Galicia, nin se detecta falta de titulacións nin de prazas. En todo caso, entendemos que, cumprindo escrupulosamente a legalidade, se poidan implantar universidades privadas en Galicia, pero aspiramos a que os esforzos dos cidadáns a través dos seus impostos vaian encamiñados a fortalece-lo sistema universitario público. Pensamos que entre todos temos construído un sistema forte, competitivo e ben artellado, e aspiramos a melloralo aínda máis. Por iso instamos ás institucións públicas a que poñan na axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que o SUG sexa cada día un pouco máis forte e poida aspirar a ocupar posicións de privilexio na escena internacional, convencidos de que isto redundará nunha mellora das capacidades e do funcionamento da sociedade galega.

(Documento subscrito pola totalidade dos asistentes ao Pleno do Consello Social do 27 de decembro de 2019 reunido no Liceo de Ourense).