Actos do presidente

Pedrosa na inauguración do curso universitario galego na que se asentou a idea da capacidade destas institucións para enfrontar a pandemia

2020-10-06T17:27:41+00:0026 de Setembro de 2020|Actos do presidente|

O 25 de setembro, o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu o acto de inauguración oficial do curso das tres universidades do SUG, no que as máscaras e as distancias de seguridade entre o reducido grupo de persoas presentes no salón, evidenciaron a excepcionalidade dun curso marcado desde o seu comezo pola covid-19.

Acompañados na mesa presidencial polos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Coruña, Julio Abalde, e ante un restrinxido auditorio, integrado por membros da comunidade universitaria e representantes de institucións políticas, económicas e sociais, o reitor Reigosa e o presidente Feijóo, destacaron a capacidade das institucións académicas para adaptarse desde o curso pasado á pandemia, garantindo a formación do seu alumnado, así como o traballo desenvolvido para dar resposta á docencia en calquera dos escenarios que se poidan producir ao longo dos próximos meses, xa sexan estes presenciais, semipresenciais ou virtuais. Pola súa banda, nun discurso, no que avanzou que “vou falar do país”, Manuel Reigosa referiuse aos que considera grandes problemas da sociedade galega, “declive demográfico e abandono do rural”, así como as solucións que, tanto desde Europa, como desde España e desde o propio país cómpre activar para facerlle fronte, asegurando que “as universidades galegas poden e deben estar, como non pode ser doutro xeito, a dispor da sociedade galega no só para docencia, investigación e transferencia, senón para calquera obxectivo de país. Estamos a disposición para intentar elevar a mirada e facer de Galicia un lugar mellor, máis próspero”. Mentres, Feijóo, tras lembrar que xa se está a negociar o Plan de Financiamento 2022/2026, apuntou que tras acadar a calidade “agora toca traballar na procura da excelencia académica”. O presidente da Xunta tamén demandou a implicación das universidades nos proxectos tractores polos que a Xunta aposta para pilotar a reactivación da economía, e asegurou que “coa afouteza de todos en especial dos universitarios, Galicia disipará de novo todas as sombras que se nos presenten”.

No acto de inicio do curso, no que Rodrigo Romaní e Bea Martínez interpretaron coas súas arpas, entre outras pezas, o Gaudeamus e o Himno de Galicia, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada Xose Carlos Arias, ofreceu unha lección inaugural titulada Finanzas relampo e economía política. Economía política do nanosegundo na que reflexionou sobre o impacto que na economía produce a aceleración que está a caracterizar as primeiras décadas deste milenio.

Cambios económicos en nanosegundos

Na lección inaugural, Arias reflexionou sobre como a aceleración que caracteriza estas primeiras décadas do milenio ten impacto sobre a economía. Segundo o docente, esta velocidade xurde “da gran revolución tecnolóxica dos fluxos de información e a dixitalización masiva” e de transformacións estruturais do proceso económico.


Abaixo, algunhas imaxes do acto:

[Informacións e fotografías proporcionadas polo DUVI]