A organización das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI) decidiu “converter nunha oportunidade o que en principio parecía unha ameaza” após valorar a posibilidade dun aprazamento a causa da COVID 19. Así o explicou o mércores 14 de outubro José Ignacio Armesto (na fotografía de máis arriba), director do evento, que se celebrará entre os días 26 e 30 do mesmo mes de xeito virtual.
Armesto explicou o proceso de conversión das JAI nun evento dixital, “que aínda que perde frescura, no que a interacción entre as persoas se refire, gaña en que temos máis contidos e non quedamos restrinxidos a un espazo concreto como en edicións anteriores”. Coa participación confirmada de máis empresas que en 2018, preto dunha trintena, 75 relatores e máis de 40 horas de conferencias, a primeira edición dixital das xornadas introduce como novidade a celebración de varias mesas redondas nas que se abordarán cuestións relacionadas coa automatización, a ciberseguridade ou a dixitalización no sector alimentario.
Ademáis do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o director da EEI, Juán Pardo, tamén estivo presente o director xeral de Alisys, que acompañou a súa presentación con demostracións das capacidades de varios robots de servizo e sociais da firma. Eduardo Gómez incidiu na importancia da relación entre a universidade e a empresa, “nesta 4ª revolución industrial na que nos atopamos, movida pola intelixencia artificial, o big data e o internet das cousas”.
Organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, as I Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware (Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG, Weidmüller, Yamaha e Yaskawa. Así mesmo, o Consello Social colabora co evento co seu patrocinio e apoio.