Aberta a presentación de candidaturas á II edición dos Premios Consello Social_UVigoHumana

2020-11-02T19:18:44+00:002 de Novembro de 2020|Novas, Responsabilidade social, UV-Humana|

Co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito vencellado coa solidariedade e a cooperación, o Consello Social e a Universidade de Vigo lanzan a segunda edición dos Premios Consello Social_UVigoHumana, unha iniciativa posta en marcha en 2019. O prazo de presentación remata o luns 16 de novembro.

Os premios convócanse nas categorías internacional e galega e ambos recibirán un diploma acreditativo e un agasallo institucional. Poderán presentarse tanto membros da comunidade universitaria, como institucións públicas, entidades educativas, culturais e sociais, organizacións non gobernamentais, persoas e institucións de recoñecido prestixio e calquera persoa ou representante de entidades convidadas pola organización. Unha comisión composta por unha presidencia –o reitor ou persoa na que delegue– e oito vogais: o presidente do Consello Social, a vicerreitora de Responsabilidade Social, a directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación,  dous representes do PDI, un representante  do PAS e do alumnado e un/unha representante do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

No 2019 os premiados foron “Enxeñaría Sen Fronteiras” e “Os ninguéns”

O ano pasado, na I edición, o Consello Social e a Universidade recoñeceron o labor da “Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia” e do foro socioeducativo “Os ninguéns”, pola contribución de ambas entidades a crear un mundo máis comprometido, solidario e xusto.

Podes consultar a páxina especial do Premio Consello Social_UVigoHumana, con novas de edicións anteriores e as bases da edición en curso.