Colaboracións e patrocinios

Novo vídeo do Observatorio analiza as persoas tituladas da UVigo que teñen un doutoramento

2020-11-25T11:41:18+00:0025 de Novembro de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas|

No “Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da UVigo (1990-2015)”, publicado en 2018 coa colaboración do Consello Social, o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo realizou un completo informe que inclúe unha análise do perfil académico e profesional de 10.748 persoas de todas as titulacións e promocións académicas dos primeiros vinte e cinco anos da UVigo.

Da mostra obtida naquel macroestudo, un 5,1% tiña o título e doutoramento (5,5% de homes contra 4,8% de mulleres). Con estes datos, o Observatorio xerou un perfil das persoas tituladas da UVigo con doutoramento que agora divulga nun formato de vídeo por medio da súa canle de YouTube:

 

Principais datos dos doutores/as

Unha ampla maioría (73,9%) realizou o seu doutoramento na UVigo. Tamén houbo presenza doutras universidades españolas (12,8%), as outras dúas universidades galegas (7,5%) e institucións académicas estranxeiras (5,8%). Entre as universidades galegas destaca a Universidade de Santiago de Compostela (73%) fronte a da Coruña (27%).

Por ramas académicas é significativa a maior proporción de persoas tituladas do ámbito Científico (22,6%) que obtivo o doutoramento. A moita máis distancia sitúase a das Artes e Humanidades (5,1%), Tecnolóxica (4,6%) e Xurídico-Social (2,2%). Deste xeito, as titulacións con máis proporción no período avaliado foron a Licenciatura en Química (29,3%), Licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (27,8%), Licenciatura en Bioloxía (25,2%), Licenciatura en Ciencias do Mar (24,3%), Licenciatura en Física (19%), Licenciatura en Filoloxía Galega (12,5%), Licenciatura en Belas Artes (12,2%), Licenciatura en Filoloxía Hispánica (10,4%), Enxeñaría de Telecomunicación (10,1%), Diplomatura en Fisioterapia (8,2%), Enxeñaría de Minas (7%), Licenciatura en Ciencias Empresariais (6,7%), licenciaturas en Ciencias Económicas e en Dereito (6,6% ambas), ben como a Enxeñaría en Informática e Licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas (6,5% ambas).

En consecuencia, licenciaturas (9,5%), mestrados universitarios (8%) e enxeñarías superiores (6,6%) son a tipoloxía de estudos con máis doutoramento. Debido á súa recente implantación, a porcentaxe de graduados/as que o completaron é moi baixa (0,3%).

Ao longo dos vinte e cinco anos avaliados a proporción de doutoramentos mostra unha tendencia directamente proporcional á antigüidade das promocións académicas, sendo máis alta nas promocións máis antigas (8,6% nos titulados/as entre 1996-2000) ao mínimo de 2,7% nos egresados/as entre 2011-15.