Na imaxe, unha actividade de prácticas nas escavacións do xacemento
de Armea en Allariz, organizadas pola Facultade de Historia.
O Consello Social convoca axudas ás titulacións da Universidade de Vigo que presenten maiores dificultades para que os seus alumnos accedan ás prácticas preprofesionais, por desenvolverse a súa formación en áreas pouco axeitadas para a formalización de convenios. O obxectivo específico das axudas é o de fomentar a adaptación dos perfís de egreso dos titulados e tituladas ás demandas das entidades empregadoras, complementar a formación do alumnado fóra das aulas, propiciar as prácticas e mellorar as expectativas no mercado laboral.
Con esta iniciativa, o Consello Social promove –fóra das aulas– actividades de orientación laboral e inserción na vida práctica profesional. Tamén persegue achegar información e asesoramento ao alumnado sobre as posibilidades de emprego nos distintos sectores da produción, a industria, as administracións, os servizos etc., mediante a realización de talleres, seminarios, prácticums, visitas, relatorios, mesas redondas ou conferencias, con profesionais relevantes no ámbito do que se trate.
Unha ducia de centros participaron nos últimos anos nesta convocatoria do Consello Social, xestionando as axudas en diversas proxectos, accións e actividades, dentro do ámbito que permite o Plan Prácticums
Información sobre a convocatoria 2021
Poden acceder ás axudas as titulacións de grao autorizadas (conforme ao RD 1393/2007), que contemplen prácticas no seu plan de estudos e que se atopen con dificultades para a súa realización. As actividades destas prácticas deben desenvolverse ao longo do exercicio 2021.
As solicitudes de participación serán presentadas pola persoa responsable do centro antes do día 22 de xaneiro de 2021, por rexistro e dirixidas á Secretaría do Consello Social da Universidade de Vigo. Nelas, ademais do impreso (descargar máis abaixo), deberá constar o programa de Prácticum previsto, un calendario e unha breve descrición de obxectivos e contidos, expondo e xustificando razoadamente as circunstancias excepcionais e as dificultades da titulación para o acceso ás prácticas, así como unha proposta inicial de orzamento.
No proceso de valoración de solicitudes primarán as prácticas externas sobre as conferencias, tendo a mesma consideración ben sexan convocatorias presenciais ou telemáticas.