Colaboracións e patrocinios

O Observatorio de Persoas Tituladas presenta un novo traballo con información académica e socio-laboral dun cento de titulacións

2021-06-28T10:10:31+00:0021 de Decembro de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O Observatorio de Persoas Tituladas vén de facer público un novo estudo da serie sobre o egreso de estudantes na UVigo, desde 1990 ata os últimos anos. Neste caso é a publicación 100 titulacións da Universidade de Vigo (1990-2015). Formación complementaria e especialización profesional das persoas tituladas, que se engade a 71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica, publicado en 2017 e Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015)  no 2018. [Desde o fondo da páxina podes acceder e descargar os tres estudos].

Este novo libro aborda dúas temáticas: as necesidades formativas complementarias de especialización profesional demandadas polas persoas tituladas na súa incorporación ao mercado de traballo e, da outra banda, as materias en que están especializadas as persoas tituladas polas súas experiencias profesionais e que poden ser susceptibles de transmisión á docencia universitaria.

“Estamos ante a fotografía en tempo real do que está a pasar cos egresados da UVigo”, salientou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, entidade que colaborou na posta en marcha do estudo. Pedrosa fixo fincapé en que nesta nova entrega do observatorio “ensínasenos o lado ata agora máis descoñecido da Universidade, o que amosa ese universo propio e común que conforman os que decidiron atravesar a porta da UVigo para saír ao mundo”.

“Trátase dunha obra  de consulta que axuda a identificar de modo directo as materias nas que a Universidade debería ofertar unha maior ou máis ampla formación para satisfacer as necesidades de especialización profesional do antigo alumnado”, explica o director do observatorio, Luis Espada, autor do estudo xunto con Víctor Manuel Martínez Cacharrón e ambos na imaxe superior da presentación do traballo. E engade o ex-reitor: “ademais, este novo volume permite coñecer os aspectos que estas persoas egresadas dominan no seu ámbito profesional e que poderían trasladar, como colaboración docente coa súa participación en cursos, conferencias e/ou seminarios”.

10.748 persoas participaron na enquisa

O estudo recolle para cada unha das 100 titulacións impartidas pola UVigo entre 1990 e 2015, os resultados globais, por xéneros e por quinquenios das dúas variables analizadas –información académica e situación socio-laboral– e a maiores, incorpora unha ficha de cada titulación, aglutinando informacións que estaban dispersas nos traballos anteriores.

En total participaron na enquisa 10.748 persoas  e a análise de toda a información que achegaron é desenvolvida ao longo de 517páxinas e 98 anexos.  “Cada ficha inclúe información estruturada sobre información académica, situación socio-laboral e tipo de emprego”, explica Víctor Manuel Martínez Cacharrón, ao que engade que tamén se inclúe a relación existente entre o posto de traballo actual e os estudos realizados, así como entre as esixencias deste e o nivel académico adquirido na UVigo.

Información detallada titulación a titulación

Segundo os resultados do informe, as persoas que necesitaron nunha proporción elevada formación complementaria en orientación laboral logo de realizaren os seus estudos na UVigo foron os graduados/as en Tradución e Interpretación Galego-Inglés (46,2%) e en Belas Artes (29,2%). Mentres que, no outro lado da balanza, os que menos precisaron formación nesta materia realizaron estudos en Enxeñaría Técnica Industrial (0,4%) e en Ciencias Económicas e Empresariais- sección Empresariais e Enxeñaría Industrial (1.1%).

No caso dos idiomas, buscaron mellorar os seus coñecementos neste eido os diplomados/as en Turismo (45,9%) e os graduados en Enxeñaría e Tecnoloxías Industriais (42,9%) e, en informática, especializáronse, sobre todo os titulados no grao en Consultaría e Xestión da Información (33,3%) e Enxeñaría Agraría (20%). No caso das novas tecnoloxías as persoas tituladas que amosaron máis procura formativa realizaron estudos nas licenciaturas en Historia (17,9%) e en Filoloxía Inglesa (17,5%) e, no caso das matemáticas foron os titulados no Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación (26,7%) e Bioloxía (12,2% os máis implicados).

Por outra banda as persoas tituladas que máis sentiron a necesidade de realizar prácticas en empresas foron os graduados en Química (44,4%) e en Consultaría e Xestión da Información (33,3%), mentres que en Dereito (1%) e en Enxeñaría Informática (1,3%) apenas se detectou esta necesidade. En canto ás habilidades referidas á administración de empresas ampliaron estudos neste eido os titulados de Enxeñaría de Organización Industrial e Enxeñaría en Química Industrial (33,3%, en ambos).

Entre as habilidades técnicas complementarias destacan cuestións como a corrección e edición de textos na licenciatura en Tradución e Interpretación e biotecnoloxía, bromatoloxía, química e tecnoloxía alimentaria no Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Xestión ambiental e no Grao en Ciencias Ambientais. Xa no ámbito tecnolóxico destacan cuestións como Electrotenia no Grao en Enxeñaría Eléctrica e en Enxeñaría en Automática e Electrónica Industrial; sistemas electrónicos en Enxeñaría en Automática e Electrónica Industrial ou software CAD no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. No ámbito xurídico-social as persoas egresadas do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos demandan máis formación en xestión dos recursos humanos e dereito do traballo, e no caso do Grao en Administración e Dirección de Empresas en contabilidade.

Publicacións do Observatorio de Persoas Tituladas relacionadas con este informe:

[Imaxe e informacións deste estudo nunha nova do DUVI]