A partir dos diferentes Informes de inserción laboral o Observatorio de Persoas Tituladas localizou moito do antigo alumnado da UVigo espallados polo mundo. Actualmente o directorio recolle 12.700 persoas egresadas que realizaron os seus estudos na UVigo entre 1990 e 2020. A maioría (82,8%) vive en Galicia e o 17,2% no resto do planeta.
Con estes datos e grazas a que no Consello Social vimos apostando na ánalise da situación profesional dos antigos estudantes, a Universidade de Vigo é a única universidade galega que conta con esta información.
O localizador está creado coa aplicación Datawrapper que permite xerar presentacións dinámicas, de xeito que se pode actualizar con facilidade. Outro caso de utilización desta aplicación no país son os mapas cos que o SERGAS amosa os datos epidemiolóxicos da COVID19.
O localizador está creado con tres niveis xeográficos:

En Kalaallit Nunaat (a nosa terra), Groenlandia en groenlandés, reside unha soa persoa titulada na UVigo
- Persoas tituladas residentes en Galicia. A consulta pódese facer por concellos.
- Persoas tituladas residentes noutras comunidades autónomas. Os datos están desagregados por provincias e, no caso das Comunidades cunha presenza significativa, tamén por concellos.
- Persoas tituladas residentes no resto do mundo. Permite unha visión global (mundial) e detallada en Europa e no caso dos países máis representativos.
Para manexarse e ver a información hai que colocar o cursor do rato sobre o mapa –se se fai desde un computador de sobremesa–, ou premer onde se desexe –se se utiliza un dispositivo táctil– para que aparezan os datos do número de persoas.
Esta ferramenta é absolutamente anónima, só informa do número de persoas en cada territorio sen amosar ningún dato persoal ou de tipo académico.