O propósito central dos Premios Crea-Creatividade e Innovación é que estudantes de dous ámbitos (ou máis) de coñecemento do campus de Pontevedra traballen conxuntamente no desenvolvemento dunha obra de carácter interdisciplinar. Están promovidos pola Vicerreitoría do campus xunto co Consello Social da Universidade e o xoves 16 de setembro celebrouse o acto de entrega dos galardóns da primeira edición.
A titulada no máster en Dirección de Arte en Publicidade Anubis Muñoz e a egresada do Máster de Profesorado Doira Barrio alzáronse co primeiro premio por Corpos do posible, peza que aborda a diversidade de xénero, resultado dun proceso de traballo que buscaba combinar, explican “a educación en valores” e a “linguaxe visual propia do deseño e da comunicación”. Xunto a Barrio e Muñoz, o xurado acordou tamén recoñecer, co segundo e terceiro premio, respectivamente, as creacións O refuxio, de Nieves Guimeráns e Raquel F. Couto, e Detrás de, de Xela Neira e Lola Rodríguez.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, presidiron na sede de Vicerreitoría o acto de entrega, ao que se presentaron unha decena de traballos. Como un “recoñecemento á creatividade e innovación” definiu Soto os galardóns. O vicerreitor lembrou que estes premios son posibles grazas ao Consello Social, cuxo de presidente puxo de relevo como “a creatividade e a innovación estanse apoderando desta cidade”, dotando a Pontevedra dunha “marca sólida, sostible e efectiva”, grazas a un “campus líder e motriz e unha sociedade proactiva, aberta e en vangarda”. Ernesto Pedrosa destacou tamén que a innovación e a creatividade, xunto coas novas tecnoloxías, “conforman un tecido altamente vantaxoso para fortalecer o noso tecido económico”, nun acto que Carlos Souto definiu como “o primeiro paso” dunha iniciativa “que agardamos continúe no futuro con máis participación”.
A obra premiada
Graduadas en Belas Artes, a traxectoria formativa das gañadoras, Barrio e Muñoz, avanzou, explican, por “direccións distintas”, que combinaron en Corpos do posible. Realizada “en pleno debate da Lei Trans”, como lembra Barrio, esta obra “fala do non binario, do xénero como unha construción social”. Trátase dunha fotomontaxe que presenta unha serie de cubos, que emulan “unha especie de xogo educativo para nenos”, á vez que busca “mostrar unha mensaxe actual de forma efectiva e intuitiva”, mediante a combinación “de linguaxes propias da escenografía, do deseño gráfico e da publicidade, utilizando imaxes fotográficas que son todo o contrario do que acostumamos a ver en publicidade, pero tratadas do mesmo xeito”, como sinala Muñoz. “Trátase de educar as persoas na diversidade, tanto física como de pensamento”, engade.