Colaboracións e patrocinios

Aberto o prazo para as bolsas de desprazamento entre os concellos rurais e o Campus de Ourense, axudas que teñen o apoio do Consello Social

2021-10-07T10:55:00+00:006 de Outubro de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

Veñen de preséntarese as bolsas Ourense Rural para o estudantado matriculado no campus de Ourense no curso 2021/2022. As axudas buscan atenuar o custo económico que supón a realización de estudos universitarios para o alumnado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes do campus universitario e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais. A convocatoria, que se realiza este curso académico por primeira vez, está dotada cun máximo de 25.000 euros, dos que a Universidade de Vigo achega ata 9000 euros, o Consello Social , 6000 e a Deputación de Ourense ata 10.000€.

Esta iniciativa, como se indica na convocatoria, forma parte dun proxecto más amplo de extensión da UVigo ao rural, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento endóxeno das comunidades rurais, e en especial ao estudantado universitario que alí reside, en liña co Plan Estratéxico da UVigo 21-26, que inclúe entre os seus obxectivos “reforzar o liderado da Universidade de Vigo como axente de xeración e de transferencia de coñecemento e como motor de desenvolvemento social a través da cooperación con entidades públicas e privadas” e a acción “potenciar o rural coma motor de desenvolvemento social”. Igualmente, a convocatoria está en consonancia con iniciativas como a Axenda 2030 ou o RIO Observatory of Rural Research, creado en 2019 para “a posta en valor dun ecosistema de innovación rural, con alianzas estratéxicas público-privadas, explorando a diversidade do rural de Ourense, no marco do desenvolvemento sostible”.

De 200 a 1000 euros

As bolsas serán dun máximo de 200 euros (para desprazamentos de 5 a 10 km); de 400€ (de máis de 10 km a 30 km); 800€ (de máis de 30 km a 50 km) e de 1000€ (de mais de 50 km). O requisito xeral para presentarse é estar inscrita ou inscrito no padrón dos concellos da provincia de Ourense, distintos do concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Tamén se establecen diferentes requisitos económicos referidos á rendas dos membros da unidade familiar e do patrimonio familiar.

Pola súa banda, os requisitos académicos son ter matrícula feita en titulacións oficiais de grao ou mestrado en centros propios do campus de Ourense ou da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense no curso 2021/2022 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da Universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65 por cento que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. A ou o solicitante non poderá estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dunha titulación do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que se solicita a axuda. A persoa beneficiaria deberá estar matriculada na titulación oficial do campus de Ourense durante todo o curso académico 2021/2022 para poder manter a súa condición de bolseira.

As solicitudes realizarase a través do formulario en liña dispoñible na secretaría da Universidade de Vigo, estando o prazo de solicitude aberto ata o 21 de outubro de 2021.