Este pasado mércores, o 20 de outubro, no recinto feiral de Pontevedra, botou a andar a décima edición de Edugal reunindo máis de 50 expositores, 17 deles representando escolas e facultades da Universidade de Vigo. A feira, promovida pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo e coa colaboración do Consello Social, conta nesta edición cunha sala destinada a actividades promovidas por diferentes centros da Universidade.
Alén da información e asesoramento e da organización de coloquios e obradoiros, varias das facultades amosan nos seus espazos exemplos dos ámbitos de aplicación dos seus estudos, como fai a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, na que os asistentes poden probar uns lentes de realidade virtual ou Ciencias do mar que mostra organismos mariños e sedimentos fosilizados. A destacar, tamén as maquetas de nanosatélites que a asociación UVigo Space Lab presenta no stand da Escola Enxeñaria de Telecomunicación ou o monopraza da escudaría UVigo Motosport, unha cámara termográfica e un software de realidade virtual que se emprega nas prácticas do Grao en Enxeñaría Biomédica etc.
A feira remata o venres 22 de outubro.
Podes atopar máis información e consultar o programa completo na web de Edugal