Discursos do presidente

Intervención de Ernesto Pedrosa na xuntanza de Grupos de investigación e os sectores económico e social no Campus de Pontevedra

2021-11-29T10:25:44+00:0029 de Novembro de 2021|Discursos do presidente|

Xornada Grupos de Investigación Universitarios – Empresa. Campus de Pontevedra

O Campus de Pontevedra dá hoxe un novo paso na dirección acertada e conveniente. Fai xa máis de 15 anos que os Consellos Sociais focalizamos esforzos na promoción da transferencia de coñecemento e os resultados da investigación universitaria. Fixémolo traballando indistintamente desde a perspectiva das universidades ou desde a posición das empresas.

Sempre falamos da terceira misión universitaria como unha das grandes carencias da economía e da sociedade no seu conxunto. Isto é, cremos na transferencia e no aproveitamento polo sector produtivo dos resultados do coñecemento e da investigación que se fai nas universidades.

E hoxe aquí, nesta xornada, seguimos edificando ese obxectivo, abordando a idea básica de redefinir a forma en que os mundos da ciencia, da universidade e da empresa poden e deben relacionarse, e establecer vínculos máis estreitos entre eles, para levar á sociedade os avances da investigación, para axudar á produtividade e competitividade das empresas e para permeabilizar a formación que se imparte nas universidades ás necesidades, demandas e obxectivos do sector produtivo.

Universidade e empresa son enerxías poderosas que multiplican o seu valor cando traballan mirándose. Xuntas, son un motor de país insubstituíble, inmellorable e esperanzador.

Dixen xa nalgunha ocasión que a universidade debe abrirse moito máis a compartir o coñecemento e non ser só un xerador e colector de saberes. E debe facelo de todos os modos posibles, en todos os momentos posibles. Co obxectivo de servir á humanidade e coa vocación de ser útil ao seu territorio.

Comecei dicindo que este é o bo camiño. E quero terminar dicindo que tamén é longo. Pero Pontevedra está nel. Farémolo xuntos.

Grazas, vicerreitor. Grazas aos impulsores desta iniciativa. E, sobre todo, grazas a quen se achegan a ela co bo propósito de facela posible.