Bo día.
Dicía hai un ano que da crise debemos sacar conclusións positivas. As universidades exercitaron unha potente capacidade de reacción (e Vigo é un bo exemplo). Miremos onde miremos buscando respostas ou posibles solucións, atoparemos a universidade. Por iso creo que o momento de mirar cara aos investimentos públicos en educación, cara ao talento, cara á investigación ou cara ao mecenado, é agora. Porque a recuperación económica post-covid pasa por profesionais ben formados.
E quero volver a esta reflexión porque é un momento especial, extraordinariamente especial para o futuro da universidade pública. Polos intentos –ata agora frustrados– de crear unha nova LOU, polo contexto favorable e a maior receptividade a financiar o ensino superior galega, polo cambio xeracional de profesorado, pola aparición de universidades privadas, pola prevalencia no primeiro plano das urxencias sociais da ciencia para atallar a epidemia, polo cambio do modo de traballar e de ensinar, e pola maior identificación das universidades coas necesidades colectivas, coas necesidades sociais e coa transparencia.
Que a universidade, varios séculos despois, está ante a súa maior refundación é un feito. E aos Consellos Sociais correspóndenos acender luces, primeiro de situación para evitar danos imprevistos; e despois longas, para minorar riscos nun traxecto que necesita cada vez maior velocidade de cambio.
Neste pleno abordaremos algúns destes asuntos e outros virán máis adiante:
- A presentación dunha presuposta marca que roza os 200 millóns e que podería superalos cos fondos europeos esperados. Un orzamento no que a partida da Xunta representa cada vez menos (o 61,3% do total para 2022 fronte ao 63,1% do 2020), o que evidencia a capacidade da UVigo para atraer recursos externos. Recollo aquí as felicitacións feitas desde a Comisión económica que agora preside Juan M. Vieites, ao equipo reitor da UVigo, neste caso pola xestión económica e de persoal que está a desenvolver.
- A desascripción da UVigo do Instituto superior intercontinental dá empresa (IESIDE), posposta por este Pleno durante os últimos dous anos e medio, á espera dun convenio consensuado e de boas intencións entre a UVigo e Abanca -aspiración secundada polo Reitor- no que se protexese especialmente a situación e os dereitos dos alumnos actuais.
- É unha gran noticia que as universidades galegas vexan incrementado o seu financiamento nun 20%. Ata os 3.200 millóns de euros no período 2021-2026. O Reitor, avanzou xa en declaracións públicas que o acordo é bo porque permitirá ás universidades xogar importantes papeis no desenvolvemento do país. O novo Plan, asinado pola Xunta e os reitores galegos, ten ao meu xuízo dous aspectos chave: o decidido apoio á ciencia e a investigación, e a obriga de render contas á sociedade. E non hai que esquecer neste punto que o custo por alumno de Grao en Galicia supera os 9.300€, fronte aos 7.500 do conxunto das autonomías.Tamén me parece destacable que as universidades reciban máis fondos en función do éxito dos seus estudantes, e un dos criterios será que a taxa de cambio de carreira ou de abandono dos estudos sexa baixa, un problema sobre o que volveremos solicitar ao equipo de goberno información e medidas de choque previstas, tal e como pide a Xunta, porque representa un problema de perda de recursos públicos e de frustración de expectativas persoais dunha xeración.
- Un asunto que espero veña canto antes a informe deste Pleno é o Máster de Aeronáutica exclusivo no Campus de Ourense, despois de dous anos de negociacións erradas coa Universidade da Coruña. É evidente o esforzo do equipo de goberno e do Reitor por pechar o camiño a ningunha parte seguido ata agora. Espero que no primeiro pleno de 2022 poida ser informada a Memoria do Máster, que deberá ser enviada á Xunta antes do 30 de abril para que o título poida ser ofertado o próximo curso. A decisión final quedará, pois, na posición que adopte a Consellería, pero o cambio de formulación desde esta universidade abre serias esperanzas, e sobre todo reporta a tranquilidade de que todo o que se pode facer, faise.
- No campo da sensibilidade social e a responsabilidade quero resaltar dous feitos.- Dunha parte, o Premio UVigo Humana que promove este Consello Social e que é unha marabillosa referencia iconográfica da universidade e da súa valiosa capacidade para estar e promover a solidariedade, a cooperación e os valores, e da súa vocación por tecer unha sólida malla de sensibilidade e afecto coa contorna.
Nesa militancia altruísta recoñecemos á universidade. Acabamos de entregar os premios deste ano, co apoio imprescindible da vicerreitora Maribel Doval e de Henar Quintas desde o Área de Responsabilidade Social e Cooperación. Por iso, máis que felicitalos, quero felicitarnos agradecer o traballo aos premiados. Da Coordinadora galega de ONGD para o Desenvolvemento. Polos seus 30 anos de traxectoria; pola súa demanda constante dunha política galega de calidade no mundo da cooperación, creando un movemento galego cohesionado neste campo, con 50 sedes e 23 mil colaboradores. E porque todas as entidades integradas na coordinadora afrontan grandes desafios globais, con proxectos en países de América Latina, Africa e Asia. E tamén da ONG AIRE (Asociación integral de rescate de emerxencias). Pola súa axuda humanitaria a persoas vulnerables en situación de desarraigamento, refuxiadas, vítimas de conflitos ou forzadas a migrar. Alivian o sufrimento e protexen a dignidade humana dos desposuídos dos seus dereitos máis elementais.– E doutra parte detéñome brevemente na Declaración institucional que acaba de facer a UVigo, no seu último Consello de goberno, na que mostra a súa decidido vontade de combater a fraude, a corrupción e os conflitos de interese na xestión de fondos públicos. Para iso comprométese a implementar a maior esixencia no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, e respectar os principios de integridade, imparcialidade, obxectividade e honestidade. O obxectivo é, en resumo, facer hermética á UVigo ante calquera intento fraudulento, e poder ser percibida externamente e ante os seus operadores como oposta a calquera forma de fraude ou corrupción. É altamente saudable esta declaración, que subscribimos, aplaudimos e converte á UVigo en marca de confianza e de bos propósitos.
- Un último apuntamento para o intento de acordar a redacción dunha nova LOSU. Xa antes da dimisión do ministro, algún conselleiro deste pleno botara de menos un pronunciamiento e o estudo por parte deste Consello Social do texto inicial do anteproxecto. Sempre mantiven que o proxecto era aínda fráxil para ser analizado a fondo, non era difícil intuílo visto o rexeitamento xeral de partida ao documento. Nestes meses houbo cambios substanciais nas diferentes propostas remitidas desde o Ministerio, a última a finais de outubro, que seguiu recibindo un rexeitamento importante, entre outros da CRUE, dos estudantes e dos Consellos Sociais.Non esperaba xa que a fraxilidade chegase até a dimisión do ministro de Universidades. Pero nese punto estamos, con maior provisionalidade aínda e maior incerteza sobre que ocorrerá co anteproxecto.
As últimas noticias indican que a saída de Castells non cambiará a axenda significativamente porque a aprobación da lei é un compromiso con Bruxelas cara aos fondos europeos. É dicir, renegociar o texto da LOSU até finais de xaneiro ou principios de febreiro, para pasalo ao Consello de Ministros. E que poida quedar aprobada dentro do primeiro semestre de 2022, á vez que a reforma da Lei da Ciencia. No que concernente aos Consellos Sociais, o documento está moi lonxe do que se pedía desde a Conferencia, pero o Secretario xeral de Universidades xa adiantou que “será difícil introducir cambios substanciais” e que a ver se se pode tentar durante a tramitación parlamentaria. Creo que, polo momento, pouco máis podo engadir con garantías de que teña percorrido.
Quero deixar constancia do cesamento de Daniel Couto Cancela como representante dos alumnos no Consello Social. O seu substituto xa foi elixido en Consello de goberno, e a Consellería de Educación acaba de facer público o seu nomeamento no DOGA. Recibirémoslle no próximo pleno. O meu agradecemento a Daniel polo seu interese e achegas durante o tempo que estivo connosco.
Remato, ademais da Memoria 2020 e a axenda 2022 que se lles entrega hoxe, verán tamén unha publicación impreso-dixital do estudo promovido polo Consello Social sobre o impacto da pandemia entre os egresados da UVigo no mundo.
Tamén as interesantísimas conclusións do Barómetro da empregabilidade da UVigo, baixo a perspectiva dos empregadores, así mesmo patrocinado polo Consello Social.
E o revelador informe sobre as prácticas académicas externas dos estudantes, por sectores empresariais e titulacións, abordado desde distintos indicadores. Estes dous últimos traballos permiten ter unha valiosa e documentada radiografía de como se percibe e se aproveita o coñecemento xerado na UVigo e como se achegan os estudantes ao mercado laboral ou a súa capacidade de resolver baixo presión.
Vexan e lean.
Estas datas poden ser propicias para que coñezan unha universidade que garda moitas sorpresas e teñen aínda moitas cousas por descubrir.