Actos do presidente

ACTUALIZADO: Vídeo do acto | A Asociación Integral de Rescate de Emerxencias e a Coordinadora Galega de ONGD levan o III Premio Consello Social-UVigo_Humana

2022-02-17T19:06:41+00:0020 de Decembro de 2021|Actos do presidente, Novas, Responsabilidade social, UV-Humana|

O luns 20 de decembro, coincidindo co “Día da solidariedade humana”, o Consello Social e a UVigo entregaron os III Premios Consello Social-UVigo_Humana, galardóns cos que os promotores recoñecen o labor de persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais que teñan sobresaído pola súa traxectoria en calquera ámbito relacionado coa solidariedade e a cooperación. O premio a nivel galego levouno a  Coordinadora Galega de ONGs  para o desenvolvemento. O de ámbito internacional foi para AIRE-Asociación Integral de Rescate de Emerxencias.

José Luis Barreiro en nome da Coordinadora Galega de ONGD

Os representantes da Asociación Integral de Rescate de Emerxencias

No caso da Coordinadora galega de ONGD para o desenvolvemento, o xurado valorou a súa traxectoria de 30 anos, salientando especialmente ser un actor de referencia no eido da cooperación. Recolleu o premio  José luis Barreiro, responsable da asociación Entre Culturas. No que respecta a AIRE, a comisión valorou o traballo desta nova ONG, nada en 2016, en materia de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria a prol das persoas que se atopan nunha situación de plena vulnerabilidade, nos países de destino das migracións forzosas como campamentos de persoas refuxiadas, escenarios de conflito, ou situacións de emerxencia. En nome da asociación recolleu o premio a súa coordinadora, Teresa Méndez.

O acto de entrega, presidido polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e máis a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación serviu para felicitar os premiados e agradecerlles o “inmenso labor” que están a desenvolver en favor das persoas máis vulnerables. “Sodes verdadeiros altofalantes das realidades silenciadas”, aseverou o presidente do Consello, facendo tamén fincapé na importancia duns premios cos que se trata de tecer unha sólida rede de solidariedade e afecto. “UVigo Humana é unha marabillosa representación plástica da universidade e da súa capacidade de estar onde realmente importa a súa presenza, máis aínda nestes tempos de pandemia que trouxeron tanta dor e tanto dano,  tempos nos que cobra aínda máis valor a acción xenerosa de quen coma vós estivestes e estades en primeira liña no contacto directo con quen máis o precisa”, salientou Pedrosa.

Xunto a estes galardóns, entregáronse tamén os Premios Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Mestrado en materia da Axenda 2030 e da Cooperación ou da Responsabilidade Social Universitaria.

IR Á WEB DOS PREMIOS CONSELLO SOCIAL UVIGO_HUMANA

Ver vídeo do acto de entrega do III Premio Consello Social_UVigoHumana e dos Premios aos TFG/TFM en Axenda 2030, cooperación ao Desenvolvemento e Responsabilidade Social [Vídeo de UVigoTV]