Xacobeo. Un camiño a Galicia foi o título da conferencia que o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, impartiu o mércores 24 de marzo na Escola Naval Militar, no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que o centro con sede en Marín promove conxuntamente coa Universidade de Vigo. As accións postas en marcha polo executivo autonómico para reactivar o turismo durante a pandemia foron o eixo dun relatorio no que Rueda puxo en valor a idea de Galicia como un “destino seguro” ante as novas incertezas provocadas “por un escenario internacional convulso”, segundo informou a Xunta.
Nunha actividade que se abriu coas intervencións do comandante director da ENM, o capitán de navío Pedro Cardona; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o secretario da cátedra, Álvaro de Agustín, Rueda incidiu na “tradición hospitalaria do Camiño de Santiago”. As rutas xacobeas, lembrou, foron ao longo da historia “refuxio e asilo para peregrinos afectados por diferentes doenzas”, que eran “socorridos nos albergues e hospitais espallados polo camiño”, lembrou o vicepresidente, que incidiu no valor que ten facer que a ruta xacobea, “en tempos de incertezas como a pandemia ou o conflito bélico”, sexa de novo un “refuxio” que reforce a “marca Galicia” como destino turístico. Neste punto, sinalou as accións postas en marcha para reactivar o turismo, como as axudas ao sector por valor de 120 millóns de euros ou as campañas para reactivar a mobilidade interna cando estaban en vigor as restricións, como Elixe Galicia ou o bono turístico. Estas iniciativas, sumadas á posterior campaña Camiña a Galicia, enfocada ao “mercado nacional”, contribuíron a “colocar á comunidade autónoma no liderado da recuperación turística en España, 22 puntos por riba da media nacional”, segundo informou a Xunta.