Esta iniciativa promovida na Facultade de Química da man da Delegación do alumnado, leva ao centro, cada mércores do mes de marzo, unha muller científica. Estas visitas compoñen un ciclo de catro charlas que procuran visibilizar o papel da muller na ciencia, potenciar os referentes femininos e fomentar as vocacións en carreiras STEM.
A primeira participante foi Déborah García Bello, química de formación, divulgadora científica e colaboradora en programas como “Órbita Laika” ou “Más vale tarde”. Tamén imparte docencia en varios mestrados e, en 2019, a revista Forbes incluíuna entre as persoas máis importantes no eido da divulgación científica. Na súa intervención, titulada Barbies e robots, debullou e rebateu algunhas das ideas máis estendidas sobre a muller e a ciencia, “que se repiten unha e outra vez sen reflexión, sen acudir ao dato”.

García bello nun momento da súa charla
Garcia Bello tamén abordou outros prexuízos estendidos, como por exemplo, que as nenas dende os seis anos se cren menos brillantes cos nenos. Existe un estudo publicado en Science, explicaba a divulgadora, “que conclúe que as nenas a partir desa idade teñen un concepto máis obxectivo de si mesmas e da súas calidades, mentres que os nenos sobrevaloran as súas capacidades”. Pero cando esta información se trasladou á cidadanía a través dos medios de comunicación fíxose fincapé nunha suposta falta de confianza das nenas, o que supoñía un freo á hora de elixir determinadas carreiras no futuro. Isto, segundo a experta, “vén a demostrar que o machismo segue instaurado na cabeza de todos, facendo que interpretemos ao revés estudos coma este, deixándonos levar polos prexuízos”.
No mesmo acto, a decana do centro, Ángeles Peña, tamén fixo fincapé na necesidade de transmitir a nenos e nenas que “hai mulleres de verdade que fan ciencia e tecnoloxía e que homes e mulleres teñen as mesmas capacidades e as mesmas posibilidades”. Peña agradeceu a implicación da Delegación do Alumnado e ao Consello Social para facer posible esta actividade.
Os relatorios terán lugar cada mércores ás 15.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais e tamén poden seguirse en directo a través da canle 2 de UVigoTv. As próximas citas serán o 16 de marzo con Julia Serra, catedrática do Departamento de Física Aplica e investigadora do Cintecx que explicará o traballo que desenvolve no grupo de Novos Materiais. O día 23 a convidada será Pamela Cabarcos, investigadora no Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC e pechará o ciclo, o día 30 de marzo, Xanel Vecino, investigadora no Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, onde traballa no aproveitamento integral de residuos agroindustriais así como no desenvolvemento de procesos de tecnoloxía de membranas e de adsorción para o tratamento, separación e recuperación de recursos de valor engadido.