O Consello Social e mais a Vicerreitoría do campus de Pontevedra manterán unha estreita colaboración co obxectivo de dar impulso ao Campus Crea por medio de promover actividades como a Semana da Creatividade e da Innovación; un ciclo de encontros con persoas de referencia en ámbitos como o deporte, a empresa ou a cultura; e novas edicións das Xornadas de Investigación Campus Crea e dos encontros entre empresas e grupos de investigación. A estas iniciativas súmanse os Premios CREA e un novo ciclo de obradoiros que vincularán innovación e artesanía.
Na rolda de prensa na que se presentou esta liña de c olaboración, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello, lembrou que se trata do segundo ano no que ambas entidades promoven un convenio marco de colaboración, no que se insiren unha serie de iniciativas ligadas á súa vez a “cuestións fundamentais” para o Consello Social, como son “o apoio ao alumnado e a proxección da Universidade na sociedade, que é cada vez máis necesaria”. Jorge Soto, o vicerreitor, sinalou que “docencia, investigación e transferencia, as tres facetas máis unidas ao ser da Universidade” constitúen o eixo deste conxunto de actividades, vinculadas a proxecto de especialización do campus en torno á creatividade e a innovación. Dous ámbitos dos que Pedrosa afirmou que se “están apropiando desta cidade”, converténdose nunha “marca que comeza a ser sólida, sostible e efectiva cun campus líder e motriz, moi especializado e cun gran éxito de matriculación”.
Un amplo programa de actividades
Unha das iniciativas inseridas na liña de colaboración é a celebración, entre o 18 e o 22 de abril, da Semana da Creatividade e da Innovación, no marco da que se desenvolverán diferentes actividades, como conferencias e obradoiros que terán como temas principais o emprendemento e a sostibilidade. Tamén se promoverán, por segundo ano, os Premios Campus CREA-Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer as obras realizadas por estudantes de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento englobados no proxecto de especialización.
Outras das accións previstas serán as IV Xornadas de Investigación Crea, e as Xornadas Universidade-Empresa; a iniciativa Talento, Superación e Desafíos, dirixida a reunir arredor dun debate, persoas de diferentes ámbitos, como o empresarial, o deportivo ou o cultural; e un conxunto de obradoiros dirixidos a descubrir e pór en práctica formas de traballar de profesionais ligados á artesanía, ao emprego de materiais propios e á recuperación de zonas rurais, nunha iniciativa que ten por obxectivo dar a coñecer experiencias empresariais que introduciron innovación conceptual, artística e técnica nos oficios tradicionais.