Colaboracións e patrocinios

O Observatorio de Persoas Tituladas pon en marcha un estudo sobre a inserción laboral da promoción 2018/2019

2022-03-09T11:06:09+00:008 de Marzo de 2022|Colaboracións e patrocinios|

O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo vén de pór en marcha, coa colaboración do Consello Social, un estudo para a elaboración dun informe detallado sobre a inserción laboral das persoas tituladas da Universidade de Vigo en estudos de grao e mestrado universitario no curso académico 2018/2019, é dicir, pasados dous anos da finalización dos seus estudos, un período que desde o Observatorio consideran suficiente para abordar unha análise deste tipo “pois son persoas que contan xa con algunha experiencia profesional e teñen tamén certo coñecemento e perspectiva do funcionamento do mercado de traballo da súa titulación”.

Con esta enquisa desde o Observatorio buscan saber como lles foi a estas tituladas e titulados: se traballan ou non, canto tardaron en encontrar emprego e se o seu posto de traballo está relacionado cos estudos realizados ou se, pola contra, procuran emprego, continúan estudos universitarios ou preparan oposicións.

As enquisas foron deseñadas con dous perfís distintos: un para as persoas tituladas en grao e outro para as tituladas en mestrado, e o prazo para participar manterase aberto ata o vindeiro luns 21 de marzo.

O informe final de análise de resultados publicarase tanto na web do Observatorio, como na do Consello Social e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria. Nesta liña, os responsables da posta en marcha do estudo fan fincapé en que estas enquisas xogan un papel importante en varios aspectos, entre eles o feito de que permiten coñecer a empregabilidade dos antigos estudantes; medir a satisfacción coa formación universitaria recibida; avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados; detectar a sobrecualificación e infracualificación e contar con información actualizada, fiable e útil sobre a inserción laboral das persoas tituladas.

Para máis información e responder á enquisa

IR á web do Observatorio