Obradoiros sobre limpeza ecolóxica ou cerámica, unha mesa redonda sobre emprendemento e sostibilidade, a elaboración dun lenzo colaborativo, un concurso de fotografía en Instagram ou unha nova edición dos Premios CREA insírense na programación da Semana da Creatividade e a Innovación, que se desenvolverá no campus entre o 18 e o 22 de abril. Promovida pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra co apoio do Consello Social, este programa de actividades ten como obxectivo pór en valor “aquilo que nos define como campus, que é a creatividade”, como salienta Carlos Souto, director do Campus Crea e Green Campus. Así mesmo, a nova edición desta semana de actividades que se impulsa cada ano coincidindo coa conmemoración, o 21 de abril, do Día Mundial da Creatividade da Innovación porá o foco na sostibilidade e na importancia que ten a preservación do medio ambiente.
“É algo que facemos por compromiso e por convicción. Non podemos esquecernos de que o cambio climático e o deterioro medioambiental é o principal reto que temos nos anos inmediatos, polo que todo o fagamos para poder reverter a tendencia que temos actualmente paréceme algo fundamental”, salienta Souto, que destaca o compromiso do campus coa concienciación e educación ambiental.
Concurso fotográfico en Instagram e II Premios CREA
Tamén dentro desta programación impulsada co apoio do Consello Social, a Vicerreitoría puxo en marcha un concurso de fotografía en Instagram, que ten como tema a creatividade. Ata o 22 de marzo permanece aberto o período de participación nesta iniciativa, aberta a calquera persoa maior de 13 anos, que deberá rexistrarse nun formulario web para logo compartir co cancelo #creaS2i2022 as súas fotografías de “todo aquilo que relacionen coa creatividade, en especial cos seus valores de innovación”, como recollen as súas bases. “Pensamos que é unha boa forma de que o alumnado participe na vida universitaria, facendo algo para compartir con todos”, salienta Souto dun certame “no que non buscamos fotógrafos profesionais”, senón aproveitar “o formato moi inmediato de Instagram” para reunir diferentes visións arredor da idea de creatividade “no seu sentido máis amplo”. De entre todas as fotografías, o xurado elixirá un máximo de dez imaxes, entre as que se seleccionarán as gañadoras de tres premios consistentes en cheques por valor de 200, 150 e 100 euros para material formativo e educativo.
Así mesmo tamén se insiren nesta programación os II Premios CREA-Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer as obras realizadas por estudantes de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento englobados no proxecto de especialización do Campus Crea. O prazo de presentación de propostas a este certame, no que se outorgarán tres premios de 1500, 1000 e 500 euros, permanece aberto ata o 29 de abril.