A sostibilidade foi o nexo de unión das actividades impulsadas no 2022 pola Vicerreitoría do campus e o Consello Social con motivo da Semana da Creatividade e a Innovación, que o venres 22 de abril pechaba a súa programación cun coloquio dirixido a coñecer diferentes iniciativas empresariais caracterizadas por ese factor de sostibilidade. Baixo o título de Emprendendo cos pés na terra, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu unha actividade presentada polo director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e moderada pola directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, que reuniu aos responsables de proxectos de emprendemento seleccionados nas axudas Incuvi da institución académica ou recoñecidos co selo de excelencia do proxecto Interreg Poctep Mobae, sobre mobilidade estendida e avanzada, que foi coordinado pola Universidade de Vigo (o evento na imaxe de arriba). Tamén, as persoas responsables destes proxectos puideron intercambiar impresións con Ricardo Fra, cofundador das empresas do sector sociosanitario orientado ás persoas maiores Saraiva, Activiza e Envita, coas que a Universidade puxo en marcha a Cátedra ACP-Innova, quen achegou ao encontro a súa visión das posibilidades que, por mor do envellecemento poboacional, ofrece en materia de emprendemento a chamada silver economy.

Máis cerámica, menos plástico, a cerámica como alternativa fronte ao plástico
Xunto a esta mesa de emprendemento, tivo lugar en Belas Artes a segunda sesión do obradoiro Máis cerámica, menos plástico, no que a artista e ceramista Teresa Pece puxo o foco no potencial da cerámica como alternativa para reducir o uso do plástico na produción de utensilios de uso cotián. Estas dúas iniciativas pecharon o programa de actividades da Semana da Creatividade e a Innovación, que arrancou o luns cun obradoiro sobre limpeza ecolóxica e na que se inseriron outra serie de actividades como un obradoiro de arte colaborativa no que, empregando tamén materiais de refugallo, as persoas participantes deron forma este xoves a uns lenzos colectivos que puñan o foco en cuestións ambientais.