Premio ao mellor equipo e premio ao mellor orador. Os estudantes da Universidade de Vigo Santiago Janeiro, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Guillermo Fernández, de Enxeñería Industrial, acaban de facerse co primeiro premio da liga de debate LEDU STEM Cátedras Telefónica, unha competición organizada pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Red de Cátedras Telefónica para fomentar as habilidades dialécticas no alumando das carreiras STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics). Participaron 18 universidades de toda España –todas con Cátedra Telefónica- e a gran final disputouse entre o equipo vigués e o da Universidad Carlos III. Foi na mañá do 20 de maio,no Innovation Center de Telefónica en Madrid, onde ambos equipos despregaron o mellor da súa oratoria arredor da pregunta Crearemos un mundo mellor co metaverso?
O equipo da Universidade de Vigo revalida así o bo papel desempeñado na primeira edición da liga, en 2021, cando xa quedaran finalistas. Dese equipo tamén formaba parte Guillermo Fernández, estudante do Grao en Enxeñaría Electrónica, Industrial e Automática, para quen este é o segundo ano que chega á final da competición. Nesta ocasión compartiu escenario con Santiago Janeiro, estudante de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, a quen o xurado lle outorgou o galardón de mellor orador de toda a competición.
Os dous integrantes do equipo gañador, son membros e formadores da asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo, unha iniciativa que naceu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en 2017 e que, en apenas cinco anos, conseguiu expandirse ao resto de escolas e facultades do campus.
A Asociación centra a súa actividade en dar formación práctica e teórica en oratoria baseándose nos modelos de debate universitario máis instaurados en España: o modelo académico e o BP (British Parliament). Trátase de axudar ao alumnado universitario, non só do ámbito TIC, a adquirir as habilidades necesarias para defender e expor con argumentos claros e concisos as súas ideas, ben sexa na vida persoal, na académica ou na profesional. Esta Asociación conta co apoio do Consello Social.