O xoves 26 de maio, na Casa das Campás, celebrouse o acto de entrega de premios nos que se outorgaron oito galardóns, resultado de tres certames promovidos pola Vicerreitoría do campus nos últimos meses. Por un lado, fíxose entrega dos II Premios CREA-Creatividade e Innovación, impulsados co apoio do Consello Social e dirixidos a promover o traballo interdisciplinar a través de obras e proxectos que impliquen o traballo conxunto de estudantes de diferentes ámbitos. Nesta edición, o primeiro premio foi para Valoración en un click, unha base de datos de valoración clínica e funcional realizada por Karina Pitombeira, José Míguez e Irimia Mollinedo. Tamén se outorgaron neste acto os premios Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, nos que se convidaba ao alumnado a reinterpretar en diferentes disciplinas a obra de Florencio Delgado Gurriarán, así como os premios do concurso de fotografía en Instagram impulsado con motivo da Semana da Creatividade e a Innovación.
Unha base de datos e un conto ilustrado levan os segundos Premios CREA
Dirixida, como explicou , Carlos Souto, a pór en valor “o nexo de unión entre todas as titulacións” que se imparten en Pontevedra, na programación da última edición da Semana da Creatividade e a Innovación enmarcábanse tamén os segundos Premios CREA, nos que se recoñecen obras creadas por estudantes de, cando menos, dúas das áreas inseridas no proxecto de especialización Campus Crea. Nesta edición, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio, dotado con 1500 euros, a Valoración en un click, un proxecto realizado por Karina Pitombeira, alumna do máster de profesorado; José Míguez, estudante de Fisioterapia; e Irimia Mollinedo, alumna de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Trátase dunha base de datos para a valoración clínica e funcional que permite coñecer, unha vez introducida a información respecto da problemática dun paciente, que tipo de probas de avaliación sería apropiado realizar. Como explica Mollinedo, tamén profesora de Fisioterapia, a “idea inicial” coa que José Míguez arrancou este proxecto foi a de crear unha base de datos que servise como ferramenta de apoio ao estudantado desta facultade, “mais podería ser moi útil noutros ámbitos”, xa que, como engade Pitombeira, “é unha base de datos que permite unha consulta rápida de valoracións clínicas e físicas en xeral, que pódese utilizar en enfermaría, en deporte ou noutros ámbitos nos que se valoran persoas”.
O segundo premio deste certame, dotado con 1000 euros, foi para Andrea Guisande, alumna de Belas Artes; e Lucía Vázquez, estudante do Grao en Educación Primaria, por Larry el pingüino. Trátase, como explican, “dun conto ilustrado enfocado a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos”, no que narran “a vida dun pingüín en idade escolar que afronta varios desafíos, acadando un final feliz grazas á axuda dos seus amigos”.