Colaboracións e patrocinios

Coa colaboración do Consello, todo preparado para o primeiro encontro Alumni-UVigo

2023-10-05T11:16:55+00:009 de Xullo de 2022|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

Ano e medio despois da creación da Comunidade Alumni-UVigo, o mércores 13 de xullo celebrarase o primeiro acto no que as persoas egresadas da Universidade de Vigo poderán reencontrarse. Na praza Erasmo realizarase a entrega dos premios que recoñecen o labor persoal e profesional do antigo alumnado e, posteriormente na praza Miralles, un acto lúdico. O Consello Social, que leva anos traballando cos antigos alumnos e alumnas, colabora agora na creación da Comunidade e nestas actividades.

Ás 19.00 horas comezará o acto de entrega dos galardóns nas cinco categorías establecidas: Traxectoria profesional; Emprendemento; Investigación; Impacto Social e Humanidades, aos que se sumarán os recoñecementos aos exreitores da institución académica viguesa como Alumni-Uvigo Distinguidos e a José María Franco García, presidente da Asociación Amigos e Antigos Alumnos da UVigo. Rematada a entrega de premios desfrutarase do evento lúdico.

O prazo para as otacións dos galardóns pecharase o luns 11 de xullo

A xente da Comunidade Alumni-UVigo serán os encargados de elixir cos seus votos as persoas gañadoras dos premios. Ata o luns 11 pódese votar por unha das tres persoas finalistas de cada unha das categorías, ás que se presentaron 80 antigos e antigas alumnas e entre os que o xurado seleccionou tres finalistas en cada unha.

Os recoñecementos Alumni-UVigo distinguido e honorífico consisten en recoñecer como Alumni distinguido a persoas en atención á súa especial implicación coa institución e no caso do Alumni honorífico a persoas cuxa relevancia ou méritos contribuíse ao desenvolvemento da UVigo. Os exreitores Luis Espada Recarey, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo Amoedo, Alberto Gago Rodríguez e Salustiano Mato de la Iglesia serán recoñecidos como Alumni-UVigo distinguido, mentres que José María Franco, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo –xermolo do que hoxe é a Comunidade– será nomeado  Alumni-UVigo honorífico.