Agradézolles a asistencia, expresando unha gratitude especial a Loli Ojea, xefa do servizo de Contabilidade, que volve ao Consello Social despois de moitos anos. Hoxe é un día especial para ela porque todos temos un día ao ano para recibir felicitacións, á que sumamos a nosa, o que fai que sexa aínda maior o agradecemento por aceptar vir explicar ao pleno determinados puntos da orde do día.
Para celebrar este pleno eliximos esta sala, e non por casualidade. É unha elección cargada de simbolismo para dar un adeus. Unha metáfora continuada da honestidade, a xenerosidade e o exemplo dunha vida entregada a facer posible o difícil e factible o improbable. Porque así era Manolo Ramos, cuxa inesperada ausencia tanto nos doeu.
Nesa dor quero transmitir o maior afecto, admiración e solidariedade ao Reitor e ao equipo de goberno. Pola súa sensibilidade e a súa resistencia. Polo seu sufrimento e a súa dignidade. Pola súa tristeza tan visible. Tan serena. Tan fonda. Tan contaxiosa. Polos días tan duros que pasaron. E tamén por darlle o nome a esta sala, que nos permite este acto de reposición.
Manolo Ramos era un asiduo deste Consello Social, ao que tantas veces convidabamos como síntoma da súa gran influencia na actividade universitaria. Sempre acudía documentado e sinxelo como reflexo da súa discreta, pero enorme capacidade.
A memoria de Manolo Ramos será longa na Universidad de Vigo. Por iso non queremos dedicarlle soamente un minuto a lembrarlo. Queremos dedicarlle como mínimo todos os minutos deste pleno. E o seguiremos tendo presente en tantos futuros minutos nos que o seu exemplo de conciliación, entendemento e eficacia serán de gran utilidade a todos. Aí estará sempre presente o recordo de Manolo Ramos, sen que teñamos que pretendelo.
Grazas a quen fixestes chegar ao Consello Social as vosas condolencias que trasladamos á súa familia. Quede constancia da gratitude e o respecto que deixa na nosa memoria, polo seu constante exercicio de dispoñibilidade, rigor e tolerancia. E por transitar pola vida –sempre– na parte dos xenerosos.
O poeta ourensán José Angel Valente deixou escrito nunha das prazas da súa cidade un poderoso verso que di: “Marchar, soamente foi o xeito de ficar para sempre”. Manolo Ramos foi parte da nosa existencia nunha etapa profesional ou máis ou menos longa. Pero coa súa morte estará presente nas nosas vidas para sempre.
Descanse en paz.
Debo agora unha desculpa a Manuel Reigosa por non abrir esta intervención co que noutras circunstancias sería a obrigada e xusta felicitación pola súa reelección como Reitor, cun importante referendo electoral. A ti, Reitor, e ao teu equipo, ao que tamén estendo a felicitación, os mellores desexos e acertos neste novo ciclo, no que estou seguro que disporedes e aproveitardes as capacidades, as competencias e as posibilidades das que dispón este Consello Social ao servizo dunha universidade capaz de levar cara ao futuro ao territorio, ás persoas, atender as súas necesidades e anticiparse aos tempos. Nesa dirección atoparás sempre a nosa dispoñibilidade e o noso apoio.
Aproveito este contexto para felicitar ao goberno universitario por pechar un ano record para a UVigo no número de proxectos de investigación desenvolvidos, un máximo histórico que tamén estivo a piques de darse na captación de recursos que alcanzaron os 17,4 millóns de euros, a apenas 400 mil euros do máximo alcanzado en 2020.
E sen determe moito, quero citar soamente outro dato que me parece relevante, como é o feito de que sete de cada diez titulados desta universidade recomendarían os seus estudos un ano despois de finalizalos. Creo que merece unha reflexión optimista.
Un breve apuntamento tamén sobre a importancia deste pleno (que por certo fai o número 144 deste Consello Social e o 63 dos que teño a honra de presidir). A maiores dos puntos económicos cuxa importancia é evidente, quero facer mención ás iniciativas pensadas para alumnos (nos puntos 17 a 19), e unha que valoro especialmente (no punto 21) que está dirixida a un colectivo de extraordinaria importancia para nós, como son os exalumnos, en cuxa localización e achegamento implicámonos durante os últimos anos, e agora vemos que o esforzo comeza a amosar os primeiros gromos verdes. E quero sinalar neste labor o activo papel que ten a vicerreitora Natalia Caparrini, do mesmo xeito que o profesor Luís Espada e Víctor Cacharrón anteriormente.
O anteproxecto da Lei orgánica do sistema universitario, a LOSU, non é asunto sobre o que falásemos moito ata agora, basicamente pola súa provisionalidade. Agora que vén de ser aprobado en Consello de Ministros e remitido ao Congreso, direi soamente que se abre un importante debate, tamén no seo da Conferencia de Consejos Sociales de España, que seguro será bo para a universidade no seu conxunto, porque nos obriga a porsnos ao día neste cambio de época, a contrastar o que pensamos, confrontar experiencias, incorporar avances, repensar escenarios, renovar e actualizar obxectivos e ensaiar novas vías. É certo que hai descontentos, receos e críticas. Pero parece o normal cando algo cambia e cambia tanto. O camiño non será fácil, pero haberá que convir na necesidade de percorrelo, entre outras razóns, para frear a precariedade, a temporalidade e a inestabilidade laboral dos profesores; abrir portas aos estudantes estranxeiros e á internacionalización; achegar a investigación aos cidadáns; implantar un financiamento mínimo; incrementar os dereitos dos alumnos; modificar o modo de elixir o reitor; fomentar e facilitar a formación continua a calquera idade, en calquera situación, e en novos formatos, mesmo a quen non teñan bacharelato. Á vista está que o debate é tan necesario como inaprazable. Máis adiante veremos cal será o papel dos Consellos Sociais. Agora o importante é que a universidade se sitúe alí onde os novos escenarios sociais e democráticos a necesitan. Toca cambio, propicialo e aprazar intereses máis concretos.
Remato con dúas mencións persoais.
A Raquel María Souto García, que puxo fin á súa etapa como xerente da UVigo durante os catro últimos anos, á que agradecemos a súa participación, implicación e achegas ao Consello Social.
E a José Manuel Vieites, a quen o presidente da Xunta entregou a medalla de honra de ANFACO como colofón a 31 frutíferos anos como presidente da patronal conserveira, e ao quen Vivir Galicia concedeu o galardón “Galego do ano”, polos seus logros e a súa capacidade de diálogo á fronte da Confederación de empresarios galegos. As nosas felicitacións.
Antes de terminar adiánto que o próximo pleno será a finais de xullo, en data aínda por decidir pero, ben pode ser o 28 ou o 29.
Moitas grazas. Ten a palabra o Reitor.