A Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas celebraron o 7 e 8 de xullo, en Gran Canaria, unhas xornadas co título “Fondos Next Generation para a recuperación europea e o control antifraude para a súa recepción: Unha obrigación para as Universidades públicas?”.
Para abordar o impacto xeral dos fondos Next Generation da Unión Europea, as xornadas contaron cunha vintena de expertos e personalidades con responsabilidades en tarefas de fiscalización e da contorna universitaria, procedentes do Tribunal de Contas Europeo, do Tribunal de Contas de España, de diferentes Institucións de Control Externo, xerencias das universidades públicas e consellos sociais. Entre os asistententes, unha pequena delegación do Consello Social da UVigo, co seu presidente, Ernesto Pedrosa á cabeza.
O seminario achegou unha aproximación ás tarefas que deben levar a cabo as unidades de control interno das universidades e as Institucións de Control Externo das Comunidades Autónomas para a prevención e detección da fraude. Tamén se analizou o uso dos fondos de recuperación para construír un novo modelo de cohesión social en Europa, partindo dunha visión global que proporcionarán as autoridades do Tribunal de Contas Europeo.
O acto de inauguración celebrouse o xoves 7 de xullo, ás 16:00 horas, coas intervencións do presidente do Consello Social da ULPGC, o reitor da devandita universidade e Antonio Abril Abadín, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas.