O paseo da comitiva académica de profesorado togado entre os colexios de San Xerome e Fonseca pola rúa do Franco abriu o venres 9 de setembro o acto de inauguración do curso 2022/23 nas universidades galegas, celebrado nesta ocasión na institución compostelá. Reivindicando o rol de USC, UDC e UVigo como “ascensor social esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria”, o reitor santiagués, Antonio López debullou as novidades e retos de futuro que as tres institucións públicas galegas afrontarán neste curso que agora comeza. Antonio López pronunciou estas verbas en presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e dos seus homólogos da UDC, Julio Abalde, e da UVigo, Manuel Reigosa, integrantes da mesa presidencial do acto xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, así como os presidentes dos Consellos Sociais da USC e da UVigo, Cecilia Sierra Rey e Ernesto Pedrosa Silva. A secretaria xeral da USC actuou como mestra de cerimonias.
Antonio López comezou deténdose nas novas titulacións que botan a andar este curso, entre elas, o grao interuniversitario en Intelixencia Artificial. “Gustaríame salientar a capacidade das Universidades, de acordo coa Consellaría, para, a pesar dos lexítimos intereses propios, poder artellar solucións compartidas e colaborativas para ofrecer a mellor alternativa para o que demandan os nosos estudantes, e tamén o tecido produtivo e a sociedade en xeral”, afirmou Antonio López.
O reitor destacou que esta análise constante do mapa de titulacións “vainos requirir a todos os implicados altura de miras e visión estratéxica como sistema universitario”. Neste senso, tamén apuntou cara a creación de novas modalidades de títulos como é o caso dos duais “que xa teñen demostrado a súa utilidade, tanto dende o punto de vista formativo como de empregabilidade, na formación profesional, a concreción da non presencialidade ou semipresencialidade naqueles títulos definidos como tales, así como o recoñecemento da formación de máis curta duración coñecidos como microcredenciais”.
Retos e demandas
A adaptación da universidade á reforma laboral aprobada a fins de 2021, así como aos cambios introducidos pola modificación da Lei da Ciencia, foron dous dos puntos sobre os que profundou o reitor da USC no seu discurso. Antonio López valorou os cambios lexislativos como unha vía para reducir a precariedade laboral e cualificounos como unha “grande oportunidade para introducir racionalidade nas relacións laborais da universidade, e moi particularmente no ámbito da investigación”. O reitor aproveitou a ocasión para defender a “estructuralización da investigación” a través dun “financiamento basal” que se complemente pero que non dependa de subvencións condicionadas.
Outra “notable preocupación” abordada polo reitor foi a relativa ao mercado enerxético e ao seu rol no actual escenario de guerra. O impacto da inflación e o incremento dos prezos neste eido é, a xuízo de Antonio López, unha eiva á que cidadanía e administracións deben facer fronte, sendo o Plan de Financiamento Plurianual asinado en 2021 e que se estenderá ata 2026, a “ferramenta esencial” da que botan man as tres universidades para acometer a situación. “Non nos cansamos de repetir que un escenario plurianual estable é esencial para garantir a autonomía financeira das Universidades e resulta de xustiza poñer en valor o feito de que o sistema universitario galego sexa pioneiro sumando máis de 25 anos continuados de planificación financeira plurianual”, explicou Antonio López. Non obstante, no contexto actual, “as circunstancias excepcionais e posteriores ao plan polas que estamos atravesando, e que se manifestan nun aumento do custos de persoal como consecuencia dos efectos da estruturalización da investigación, e nun incremento absolutamente imprevisible dos gastos correntes por efectos da guerra, require unha reunión da comisión de seguimento do plan de cara a concreción da evolución das diferentes partidas do mesmo neste escenario de excepción”, dixo o reitor.
Nesta mesma liña, Antonio López demandou a concreción dun plan de infraestruturas sobre o que as institucións están a traballar tamén cunha vontade plurianual.
Pechou o acto coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, que reivindicou un “optimismo tranquilo” para afrontar o futuro, e a lección maxistral do catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo Barrera.