Colaboracións e patrocinios

Unha nova edición de Edugal, e van once, coa colaboración do Consello Social

2023-10-05T11:15:28+00:0026 de Outubro de 2022|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O XI Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, inaugurouse o mércores 25 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Promovido pola asociación da pequena e mediana empresa Aempe, por esta feira educativa pasarán entre esta xornada e o venres varios centos de estudantes, ante os que a UVigo busca proxectarse cun espazo no que están representados un total de 19 facultades e escolas dos tres campus. O Consello Social, como en anteriores edicións, colabora co encontro.

“Estamos tendo un público moi variado e sorprendeunos a cantidade de xente moi nova que xa ten claro o que quere facer”, salientou a directora da Área de Captación de Alumnado, Ana Mosquera.

Varias das Facultades e Escolas presentan a súa información dunha forma “moi visual”, como salienta o subdirector de Alumnado e Proxección Institucional da Escola de Enxeñería Industrial, Mohamed Boutinguiza. Presente en todas as edicións de Edugal, este centro buscou  “estimular a curiosidade dos rapaces”, achegando ao stand exemplos ligados ás diferentes áreas de traballo das súas titulacións e que van dun brazo robot ao monopraza de UVigo Motorsport. Con ese mesmo obxectivo de darse a coñecer dun xeito visual, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía mostra exemplos de enerxías renovables, un xogo que recrea unha explotación mineira e un taller de visión artificial para o recoñecemento de minerais, desenvolvido pola investigadora María Pazo no marco da súa tese de doutoramento. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, por outra banda, sumou a Edugal a maqueta do barco solar pilotado que a asociación de estudantes CES emprega para probar os dispositivos de control, drons construídos no centro como un traballo académico ou maquetas dos nanosatélites de UVigo Space Lab. “Estamos aquí porque detectamos que hai moita xente que non sabe o que é esta enxeñaría, para intentar amosarlles un pouco todas as opcións dunha titulación moi transversal”, salientou a directora do centro, Rebeca Díaz.

Coa idea de “levar os nosos laboratorios á feira”, como salienta a súa decana, Ángeles Peña, a Facultade de Química ofrece a posibilidade de coñecer “unha serie de experiencias químicas sinxelas”, mentres que a de Bioloxía permite observar múltiples organismos a través do microscopio, xunto cunha mostra de artrópodos e insectos e exemplos de fungos ou especies vexetais cultivadas in vitro.

Con vídeos, un conxunto de publicacións e un mural que as e os visitantes van conformando ao longo da xornada preséntase nesta feira a Facultade de Belas Artes, mentres que Ciencias do Mar ofrece a posibilidade de realizar “un pequeno taller de sedimentoloxía mariña”. Boa parte destes postos contan ademais coa participación activa do alumnado neste labor promocional, como é o caso da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á UVigo, na que as estudantes achegan formación sobre primeiros auxilios, reanimación ou saúde mental. O mesmo acontece no posto da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, que ofreceu tamén este mediodía unha charla sobre “o grao dual en Turismo no que estamos a traballar e co que agardamos comezar o curso que vén”, explicou a súa decana, Montserrat Cruz. Este coloquio sumáse ás charlas de información xeral sobre a súa oferta académica que a Universidade ofrece cada día entre as 11.00 e as 11.30 horas.

Nesta décimo primeira edición de Edugal, tamén dan a coñecer a súa oferta académica as facultades de Ciencias, Historia, Educación e Traballo Social, Ciencias da Educación e do Deporte, Dirección e Xestión Publica, Filoloxía e Tradución, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Xurídicas e do Traballo e as escolas de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Forestal