Na súa primeira visita ao edificio institucional da UVigo no Berbés, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu na mañá do mércores 9 de novembro ao acto sinatura de cadanseu convenio para o desenvolvemento de accións de I+D+i en 2022 cos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Julio Abalde, co vicerreitor de Política científica da USC, Vicente Pérez, e mais o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, por un importe de 17,4 millóns de euros.
Acompañado polo conselleiro de Cultura, educación, FP e universidades, Román Rodríguez, o presidente da Xunta gabou o papel que as universidades galegas están a desempeñar no ámbito da investigación, ao tempo que reiterou a aposta do executivo galego por ela e polas persoas que nela traballan. Pola súa banda, o reitor da UVigo, manifestou o seu agredecemento á Xunta por unha achega “que nos permitirá desenvolver accións de especialización que os cos orzamentos ordinarios non sería posible”.Na mesma liña se manifestaron o reitor de A Coruña e o vicerreitor de Política científica da USC, que tamén reivindicaron abertamente o papel das universidades no desenvolvemento da ciencia en España.
En liñas xerais os acordos asinados este mediodía no edificio Redeiras por un importe de 17,4 millóns de euros permitirán fortalecer as infraestruturas científicas e o equipamento tecnolóxico da actividade investigadora que se desenvolve nas tres universidades galegas. A institución académica viguesa é a que máis recibe, con 6,4 millóns de euros, resultantes de sumar os 2,6 millóns inicialmente acordados, aos 3,7 da addenda que hoxe asinaron o conselleiro de Educación e o reitor vigués, e que se destinarán en liñas xerais ao reforzo dos centros de investigación, captación de talento e realización de obras singulares de apoio á investigación. Pola súa banda, a USC percibe 5,5 millóns de euros, que permitirán mellorar as infraestruturas para novos graos como os de Robótica, Intelixencia artificial ou Bioquímica e á renovación de espazos de investigación e accións de apoio ao talento; mentres que a partida destinada á UDC ascende, igualmente a 5,5 millóns de euros, que permitirán fortalecer centros de investigación, así como poñer en marcha novas infraestruturas, obras singulares ou mellora de equipamento.