O estudo “Inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de doutoramento (1995-2020)” realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, é pioneiro no Sistema Universitario Español xa que aborda a inserción laboral e empregabilidade de todas as promocións de persoas tituladas en estudos de doutoramento desde a creación dunha universidade ata o momento actual. Entre os resultados deste informe, presentado o martes de novembro por Luis Espada –director do Observatorio –, acompañado do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e mais do reitor, Manuel Reigosa, destaca que o 95% das persoas que cursaron estudos de doutoramento na UVigo están traballando, principalmente en Galicia (64%) e no sector público (70%) en labores relacionadas co ensino superior e coa I+D+i.
O estudo analiza a inserción laboral dunha mostra composta por 505 persoas (dun total de 2843) tituladas da UVigo en estudos de doutoramento e que cursaron algún dos 134 programas oficiais entre 1995 e 2020. Como explicaba na presentación Luis Espada, “este estudo realizouse por unha fusión de vontades” entre a dirección da EIDO (Escola Internacional de Doutoramento da UVigo), a Área de Calidade e o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao, co apoio do Consello Social da UVigo. Ernesto Pedrosa, subliñou que traballos coma este teñen convertido o Observatorio de Persoas Tituladas e a comunidade alumni “nun referente”, xa que “ningunha outra universidade ten os seus ex-alumnos tan monitorizados e en tempo case real”, o que permite “abrir a Universidade de Vigo ao mundo e achegar argumentos e visións a quen se acerque a ela”.
Case sen diferencia entre xéneros
O 95% das persoas tituladas en estudos de doutoramento na UVigo entre 1995 e 2020 están traballando, sen apenas diferencia entre xéneros. A taxa de desemprego entre este colectivo é do 3,6% (4,2% de mulleres contra 2,7% de homes), mentres que un 1,4% (1,8% de homes contra 1,1% de mulleres) están en situación de inactividade, é dicir, non traballan por estar a opositar, estudando ou dedicadas ao coidado familiar, maternidade/paternidade, xubilados, pensionistas ou con invalidez… Como puntualizaba Espada na rolda de prensa, no caso do eido tecnolóxico, a inserción acada o 99% e no xurídico-social o 95,6%, sendo o desemprego nulo entre as e os doutores nas ramas de ciencias da saúde.
No que atinxe á perspectiva xeográfica, do total de persoas que participaron neste estudo, o 64,6% traballa en Galicia, mentres que o 23,4% faino en 30 países dos resto do mundo e só o 11,9% desenvolve a súa carreira noutra comunidade autónoma. “Observamos unha tendencia decrecente con respecto aos que traballan en Galicia, partindo dun máximo de 87,2% nos doutores das primeiras promocións ata o mínimo de 48% nas persoas tituladas ao abrigo da normativa actual”. Pola contra, o traballo no estranxeiro “mostra unha tendencia crecente nestes 25 anos, dende o 8% ata o 40% que se acada entre as persoas tituladas coa normativa vixente”.
Respecto á modalidade de contratación, o 93,8% traballa por conta allea e o 6,2% por conta propia e atendendo ao sector, o 51,% traballa no ensino superior, mentres que 18,1% faino en servizos de investigación, o 9,7% no ensino non universitario, o 3,1% en servizos e tecnoloxías da información e o 2,6% restante en servizos a empresas. Así, o sector público ocupa ao 70,1% de total de doutores da UVigo, mentres que na empresa privada traballa o 22,4% e en entidades non lucrativas o 7,5%. Neste caso si que existe unha diferenza por xénero, xa que o emprego público feminino (72,3%) supera ao masculino (67,3%).
Atendendo á categoría profesional, o 99,4% exerce funcións de nivel universitario (directivo/a, mando intermedio e/ou técnico/a cualificado/a) e o 76,7% faino en grandes empresas, mentres que o 9,5% traballa en empresas medianas, o 6,7% en empresas pequenas e o resto, 3,6%, en empresas individuais e microempresas. Se se analiza a valoración do emprego, o 92,5% desenvolve funcións específicas dos estudos realizados, sen diferenzas por xénero. Con todo, existe un nivel de sobrecualificación do 15,3% (21,6% de mulleres contra 7,9% de homes). Pola contra o nivel de infracualificación é do 4,2%.
Un punto de partida
Este estudo é o punto de partida dun proceso que vai permitir á UVigo cumprir coas exixencias de calidade e participar –con información actualizada sobre inserción laboral- nos ránkings universitarios nacionais e internacionais que avalían a situación dos estudos de doutoramento. Así, no 2023 o Observatorio ten previsto, -co apoio do Consello Social e a colaboración das unidades do terceiro ciclo-, arrancar o seguimento da inserción laboral e da satisfacción cos programas de doutoramento realizados polas promocións máis recentes, comezando coas persoas tituladas en estudos de doutoramento no curso 2020/2021.
Podes descargar o informe completo e/ou un resumo executivo no noso apartado de publicacións: