Desde os primeiros pasos da súa traxectoria a como viviron os seus principais éxitos, pasando polas motivacións que lles levan a continuar ou a iniciar novos proxectos persoais e profesionais. As medallistas olímpicas Teresa Portela e Sofía Toro e o escritor José Ángel Gómez, Defreds, reflexionaron sobre as súas traxectorias na mesa de debate sobre emprendemento e motivación Comezar, chegar e continuar, que a Vicerreitoría do campus promoveu na tarde deste xoves coa axuda técnica de ClínicasON e o patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo.
Conducida polo fisioterapeuta e fundador de ClínicasON, Hugo Ogando, esta conversa permitiu, por unha banda, afondar nos inicios como piragüista de Teresa Portela, para logo deterse en como viviu unha serie de éxitos deportivos, culminados cunha medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Tokio, cando se converteu na primeira española en participar en seis edicións das olimpíadas. Mais, ao mesmo tempo, o coloquio buscou tamén abordar como Portela combinou no seu día os adestramentos cos seus estudos na Facultade de Fisioterapia, ou como combina a día de hoxe as facetas de deportista, nai e empresaria. Os inicios e éxitos deportivos da regatista Sofía Toro, campioa olímpica en Londres 2012 na modalidade de match race, foron así mesmo outro dos puntos de partida deste coloquio. Mais nun acto dirixido a coñecer tanto exemplos de éxito como de adaptación, Ogando detívose tamén na traxectoria de Toro unha vez rematada a súa etapa na vela, a cal levouna a ser a actual xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, así como profesora da Facultade do Deporte da UCAM de Murcia. Do mesmo xeito, Ogando tamén convidou ao vigués Defreds a lembrar os seus inicios como escritor, á vez que buscou coñecer que lle motiva a seguir escribindo despois de vender medio millón de libros e de que en 2017 catro das súas obras se situasen ao mesmo tempo como as máis vendidas de España.