Na imaxe superior, viaxe de estudos dos graos de Enxeñaría da Enerxía, e de Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, nunha visita ao Museo da Minaría e Industria de Asturias.
Ata o 20 de xaneiro de 2023 poderán presentarse as solicitudes do novo Plan de apoio ás titulacións con Prácticums que atopan dificultades para realizar as prácticas preprofesionais. A persoa responsable do centro deberá presentar a solicitude a traves do rexistro electrónico, dirixida a Secretaria do Consello Social da Universidade de Vigo, así como a seguinte documentación: Programa de Practicum previsto, calendario de realización das actividades, breve descrición de obxectivos e contidos, xustificando as circunstancias excepcionais e as dificultades da titulación para o acceso ás practicas, e tamén, unha proposta inicial de orzamento.
Poden acceder ás axudas as titulacións de grao que contemplen prácticas no seu plan de estudos e que se atopen con dificultades para a sua realización. As actividades desenvolveranse ao longo do exercicio 2023.
Os fondos destinados a esta axuda irán con cargo ao orzamento do Consello Social e o importe máximo do credito orzado ascendera a 30.000 €, sendo a cantidade máxima da axuda a cada programa aprobado de 5.000 euros.
Estas axudas do Consello Social teñen o obxectivo específico de fomentar a adaptación dos perfís de egreso das persoas tituladas ás demandas dos empregadores, complementando a formación do estudantado fóra das aulas, propiciando as prácticas e mellorando as expectativas no mercado laboral. Con esta iniciativa, o Consello tenta promover fóra das aulas actividades de orientación laboral e inserción na vida práctica profesional, así como achegar información e asesoramento ao estudantado sobre as posibilidades de emprego nos distintos sectores da produción, a industria, as administracións, os servizos etc., por medio da realización de obradoiros, seminarios, practicums, visitas, relatorios, mesas redondas ou conferencias, con profesionais de relevancia no ámbito do que se trate.