Actos do presidente

A virtualización orientada a captar alumnado internacional de Dirección e Xestión Pública recibe valoracións positivas de Román Rodríguez

2023-02-03T08:31:06+00:001 de Febreiro de 2023|Actos do presidente, Novas|

Como unha iniciativa “innovadora e pioneira en Galicia” valorou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a aposta da Facultade de Dirección e Xestión Pública por un modelo híbrido, no que se combinan a ensinanza presencial e a virtual. Fíxoo na visita que realizou o martes 31 de xaneiro ás instalacións desta facultade, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública, que se converteu en 2020 no primeiro do sistema universitario de Galicia en contar cunha modalidade totalmente virtual, e o máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional.

Xunto a Rodríguez e Reigosa, esta visita a unha facultade constituída o pasado ano e que comparte edificio coa Facultade de Comunicación, contou tamén coa participación do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosada; da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o decano, Enrique Varela, e membros do equipo directivo e docente do novo centro, no que se imparten dúas titulacións previamente adscritas á antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O que vimos ver é unha experiencia innovadora no ámbito da docencia”, salientou Rodríguez ao inicio dunha visita dirixida a coñecer a experiencia dun grao que, desde o curso 2020/2021 sumou á súa modalidade presencial outra completamente virtual, co obxectivo de “darlle un pulo a nivel internacional”. Nesa idea incidiu tamén o reitor, que destacou que esta experiencia é “algo moi importante para Universidade”.

“Virtualizar para internacionalizar”

Foto de grupo da visita á Facultade, co equipo decanal e representantes do estudantado

O propósito desta visita, como explica Varela, era que o conselleiro puidese “coñecer tanto os espazos pedagóxicos e de xestión desta nova facultade”, como “as instalacións e soportes virtuais que temos para o alumnado virtual”, tanto dun grao “único” como dun mestrado con máis de dez anos de traxectoria, “e que son dous dos títulos máis valorados da UVigo nas enquisas de satisfacción”. A través desta visita, buscábase tamén presentar “o plan estratéxico” deste centro, que pasa por “virtualizar para internacionalizar”, como subliñou Varela, que incidiu en que “fóra do noso ADN presencial, esta parte virtual conéctanos” co obxectivo de captar a alumnado doutros países, aposta na que se insiren iniciativas como o convenio de colaboración recentemente asinado coa Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD), de Colombia.