Colaboracións e patrocinios

A Caixa Sostible, iniciativa de divulgación da EE de Minas e Enerxía que conta co apoio do Consello Social, conclúe a súa primeira edición

2023-05-11T11:49:06+00:0011 de Maio de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O mércores 10 de maio, tras 5 meses de traballo, presentáronse os resultados dos experimentos realizados ao abeiro do proxecto A Caixa Sostible, iniciativa impulsada por un grupo de once docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Esta actividade xurdiu como unha proposta divulgativa para traballar co estudantado dos institutos por medio dun conxunto de caixas con información e material para realizar cinco experimentos relacionados coa sostibilidade. Os obxectivos son fomentar as vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario e, tamén, poñer o foco na conciencia ecolóxica. A proposta foi todo un éxito, coa implicación de 40 institutos de toda Galicia e a participación de 830 estudantes e 80 docentes.

Á xornada de peche asistiron 130 mozos e mozas de dez dos institutos implicados que fixeron unha posta en común das conclusións obtidas en cada unha das cinco actividades. Abordáronse temáticas como a pegada de carbono, a eficiencia enerxética, a eficiencia luminosa, a calidade da auga e o patrimonio xeolóxico. Ademais, todos os centros implicados enviaron cadanseu póster explicativo co traballo realizado, que se expuxo no terceiro andar do edificio Ernestina Otero.

O profesor da EE de Minas e Enerxía Santiago Pozo agradeceu a implicación de alumnado e profesorado e amosouse moi satisfeito pola boa acollida, “xa que por moito que nós propoñamos actividades de divulgación, se non hai ninguén ao outro lado, non poderían saír adiante”. De feito, explicou, a acollida que tivo A Caixa Sostible foi tan boa que quedaron institutos en lista de agarda para próximas edicións. “Isto para nós é un orgullo e demostra a implicación da sociedade e a mocidade galega en traballar en temas relacionados coa sostibilidade”.

Presentación de resultados e gañadores

As caixas e algún dos materiais que conteñen

 

Tras o acto de apertura tomaron a palabra o persoal investigador que estivo a cargo de cada unha das actividades incluídas na caixa para presentar un resumo dos resultados enviados por cada un dos centros. Tamén anunciaron os centros premiados en cada sección por teren achegado os mellores resultados. En concreto, os docentes da EEME implicados foron Raquel Pérez Orozco, que coordinou os experimentos relacionados coa pegada de carbono; Pablo Eguía Oller, os de eficiencia enerxética; Benito Vázquez Dorrío, os de eficiencia luminosa; Francisco Deive Herva, calidade das augas e Teresa Rivas Brea, patrimonio xeolóxico.

Tras a presentación dos resultados dos experimentos, os estudantes dos dez institutos que acudiron ao evento desprazáronse á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Alí, divididos en cinco grupo realizaron tres actividades simultáneas nas aulas, laboratorios e corredores do centro sobre diversas temáticas como intelixencia artificial, creación de pinturas dende a prehistoria ata a idade moderna, combustión, materiais intelixentes e termografía.

O proxecto contou coa colaboración do Consello Social da UVigo, da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación, e o cofinanciamento da EEME, e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, así como co apoio de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) e da plataforma Minería Sostible.