Colaboracións e patrocinios

A Universidad de Granada gañadora do XXXIX Campionato de fútbol sala PAS, no que colaborou o Consello Social

2023-06-13T19:40:26+00:0013 de Xuño de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|
NA FOTOGRAFÍA, O EQUIPO DA UVIGO

Despois dunha semana de convivencia e competición no campus de Ourense, o sábado 10 de xuño celebrouse a final do XXXIX Campionato nacional de fútbol sala de persoal de administración e servizos (PAS) universitario. A cita reuniu na cidade das Burgas a arredor dun centenar de traballadores de dez universidades. Na final enfrontáronse os equipos das universidades de Granada (que partía como favorita) e Oviedo (a revelación do torneo), proclamándose campión o primeiro cun marcador final de 1-0.

O terceiro posto foi compartido polas delegacións de Cádiz e Alacante. O premio Pichichi foi compartido por Alberto Maya (Granada) e Rafael Hita (Cádiz); o galardón ao equipo menos goleado foi para Alacante e o premio á deportividade para Almería. Os premios foron entregados o sábado no pavillón de deportes do campus de Ourense (onde ao longo de toda a semana se desenvolveron os partidos) por Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Cultural da Universidade de Vigo, e Antonio Fernández, concelleiro de Educación e Comercio de Ourense. Desde a organización do campionato destacaron no seu peche “o bo ambiente e deportividade compartidos durante toda semana”, agradecendo ás delegacións a súa participación nesta cita. A próxima edición, que será a número 40, terá lugar na Universidad de Cádiz.

Este torneo xurdiu en 1982 da man dun colectivo do PAS das universidades de Estremadura e de Granada co obxectivo de unir lazos profesionais e de amizade a través da celebración dunhas xornadas lúdico-deportivas. A organización do campionato é rotatoria, sendo a primeira vez que se celebraba no campus de Ourense, aínda que non na Universidade de Vigo. Nesta edición participaron no campionato, ademais da UVigo, equipos das universidades de Santiago de Compostela, Illes Balears, Granada, Cádiz, Oviedo, Almería, Murcia, La Laguna e Alacante. O certame foi patrocinado polo Consello Social.