Actos do presidente

Co apoio do Consello Social, 70 institucións de todo o estado participan nas XXI Xornadas dos Servizos Universitarios de Emprego

2023-06-28T12:55:16+00:0027 de Xuño de 2023|Actos do presidente, Novas|

Desde o luns26  ao mércores 28 de xuño,  57 universidades se deron cita no campus de Vigo na vixésimo segunda edición das Xornadas dos Servizos Universitarios de Emprego, organizadas pola UVigo. A cita anual reúne persoal dos servizos e áreas de emprego das institucións académicas de todo o Estado, procedentes tanto de universidades como de 13 organismos colaboradores, entre os que están CIXUG, EURES-T, a Fundación Human Age Institute, Unirisco, Recruiting Erasmus, NTT DATA, Jobteaser ou Universia España.

O obxectivo destes tres días de traballo é compartir boas prácticas e debater temas de interese común que teñan como obxectivo último o fomento e a mellora da empregabilidade do estudantado universitario. Esta edición leva como lema Calidade en materia de empregabilidade universitaria, xa que a idea é abordar cuestións relacionadas cos recoñecementos e acreditacións en materia de emprego universitario e como deben avanzar os servizos no futuro.

A empregabilidade, unha tarefa de primeira urxencia

No acto de inauguración, que se celebrou na tarde do luns 26 no paraninfo do edificio Ernestina Otero, participaron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo e Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade.

O reitor puxo o foco na súa intervención no papel que poden ter as universidades para mudar o mundo e “facer unha sociedade máis humana, máis comprometida, máis igualitaria… Temos que xogar o papel de formar o mellor posible a conciencia cidadá nos nosos alumnos e alumnas para que na sociedade teñan ese efecto”.

O presidente do Consello Social, pola súa banda, reafirmou a súa seguridade en que destas xornadas “se sacarán conclusións relevantes que redundarán na mellora da empregabilidade do alumando actual e do antigo das universidades aquí representadas”. Precisamente sobre o colectivo de egresados e egresadas, Pedrosa lembrou que o Consello Social “tense implicado nos últimos anos “na súa localización e achegamento á Universidade e froito de ese obxectivo publicáronse, a través do Observatorio de Egresados, varios estudos sobre a súa situación profesional, sendo a única universidade galega que conta con esta información”.

As xornadas están organizadas en bloques temáticos relacionados coa orientación laboral, as prácticas externas, a intermediación laboral, a formación en competencias, a mobilidade transfronteiriza e o fomento do emprendemento e con varias mesas sobre boas prácticas, para as que as universidades participantes poidan “compartir experiencias de interese”, como destacaba Caparrini, que subliña  que como universidade “o noso obxectivo é preparar ás mozas e mozos para a vida laboral, para isto temos que saber que buscan as empresas para así poder cubrir as necesidades do noso estudantado”. Neste sentido, engade que “na actualidade, as empresas non só buscan candidaturas dunha titulación determinada, e habilidades clásicas como os idiomas ou as competencias dixitais, senón que nos seus procesos selectivos para recrutar talento demandan outras habilidades e competencias transversais necesarias para incorporarse con maiores garantías de éxito aos seus equipos de traballo”.