Colaboracións e patrocinios

Coa colaboración do Consello Social, o campus de Ourense acolle o XXXIX “Campeonato nacional de fútbol sala” do PAS universitario

2023-06-04T10:31:27+00:004 de Xuño de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Desde hoxe, 5 de xuño e ata o sábado 10, o campus de Ourense acolle a celebración do XXXIX “Campeonato nacional de fútbol sala” de persoal de administración e servizos (PAS) universitario. A cita reunirá a arredor dun centenar de traballadoras e traballadores de dez universidades españolas. Esta edición conta coa colaboración do Consello Social.

Este torneo xorde en 1982 da man dun colectivo do PAS das universidades de Estremadura e de Granada co obxectivo de unir lazos profesionais e de amizade a través da celebración dunhas xornadas lúdico-deportivas. A iniciativa tivo éxito e en 1983 organizouse o primeiro campionato de fútbol sala coa participación do persoal de administración e servizos destas dúas universidades, ás que se foron sumando outras institucións académicas españolas nos anos posteriores.

A organización do campionato é rotatoria, sendo a primeira vez que se celebra no campus de Ourense, aínda que non na Universidade de Vigo. Desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, encargada da organización desta edición, destacan como esta cita, ademais do seu interese deportivo, permite convivir durante unha semana a persoal de administración e servizos de dez institucións académicas estatais e lles permite coñecer o campus anfitrión cada ano.

Nesta edición participarán no campionato, ademais da UVigo, equipos das universidades de Santiago de Compostela, Illes Balears, Granada, Cádiz, Oviedo, Almería, Murcia, La Laguna e Alacant. Os partidos desenvolveranse no pavillón de deportes do campus de Ourense, en horario de mañá, arrancando o luns 5 ás 09.30 h cun encontro entre as universidade de Granada e Almería. A competición rexerase polas regras da Liga Nacional de Fútbol Sala, con algunhas particularidades como a duración dos partidos, que será de 25 minutos cada tempo a reloxo corrido e os últimos tres minutos da segunda parte a reloxo parado e a duración da final será de 20 minutos a reloxo parado.

O sistema de xogo consistirá nunha fase previa de dous grupos de cinco equipos, en sistema de liga a unha volta, que se desenvolverá de luns a venres. O sábado, ás 11.00 h, terá lugar a final, na que se enfrontarán os equipos clasificados en primeiro lugar de cada grupo para acadar o primeiro e segundo posto. Ás 12.30 h terá lugar a entrega de premios e clausura do campionato. O programa deportivo complementarase con visitas e coa recepción de participantes por parte da institución académica e  municipal.

Ir á web do evento