Discursos do presidente

Informe do Presidente no Pleno do 7 de xuño de 2023

2024-03-20T09:16:41+00:0017 de Xuño de 2023|Discursos do presidente|

Alén de agradecer a presenza de todas as persoas asistentes, quero agradecer tamén a presenza e a participación neste pleno do vicerreitor Alfonso Lago, para informar de asuntos da súa competencia, e destaco:  a creación da ansiada Facultade de Enfermaría que integrará as tres escolas existentes;  e a creación do Instituto de Xustiza e Xénero, que terá un papel preponderante na formación e avance do sistema xudicial e institucións en materia de igualdade e mellora das políticas sociais.

E agradecemento tamén para Joaquín Collazo, director da área de Calidade da UVigo, a quen hai uns meses pediramos unha análise das posibles causas que moven aos estudantes que abandonan os seus estudos na UVigo. Os datos de abandonos presentóunolos no seu momento, e hoxe coñeceremos as razóns, que, xa lles adianto, poden sorprendernos e modificar substancialmente algunha das percepcións e prexuízos que poidamos ter respecto diso.

Non quero estenderme moito máis neste tema, dado o volume desta sesión, pero si quero dicir que pedimos este estudo, basicamente, por saber onde estamos (e xa aclaro que mellor que a media española), e por si fose conveniente promover procedementos de acollida e de integración, tendo en conta que o abandono é en si mesmo un importante problema que as administracións tentan combater cada vez con máis convicción, pero que se agranda na mesma medida na que vai cambiando a tipoloxía dos estudantes, ben sexa pola súa orixe, o seu perfil laboral, a súa cultura, a súa idade  etc.). Neste sentido, promovemos un estudo específico sobre o estudantado estranxeiro, recollido no punto 16 da Orde do Día. Ben, pois algunhas destas reflexións están no traballo do profesor Collazo.

Entre a documentación que recibiron, verían un resumo amplo das Xornadas de Consellos Sociais que organizamos en Vigo, que serán lembradas tamén polo Manifesto que se aprobou sobre a LOSU e a transcendencia do seu desenvolvemento autonómico. Se teñen interese en dispor de máis información sobre estas xornadas, na web do CS están á súa disposición imaxes e relatorios.

E precisamente sobre a LOSU, está a mirarse moito unha das competencias que asigna aos Consellos Sociais, literalmente: “Velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica, así como das directrices antifraude, que deben guiar a función docente e a investigación, en colaboración cos organismos e plans dos que, para estes efectos, dispoña cada universidade”.

Constitúe unha delicada responsabilidade que debemos asumir e que deberán desenvolver e precisar as administracións autonómicas. Tempo teremos de volver sobre este asunto, pero respecto diso engado que a UVigo aprobou recentemente –e xa están en vigor– novas normas de convivencia, o código ético e o regulamento disciplinario.  E quero destacar que neste novo marco tivo un papel determinante Mª José Bravo Bosch, á que hoxe recibimos como nova secretaria xeral da UVigo, e á que non só damos a benvida senón que é un nomeamento que celebramos porque aumentará notablemente a nosa capacidade de resposta ante o novo escenario competencial do que lles falei e ao que debemos enfrontarnos.

María José Bravo substitúe a Miguel Angel Michinel, ao que agradecemos as súas achegas e a súa implicación desde xullo de 2018 até datas recentes nas que renunciou para incorporarse ás listas do PP á Alcaldía de Ourense.

Remato cun resumo dunha enquisa actual da Fundación CyD:

  • Seis de cada dez españois ve rendible o diñeiro e o tempo na universidade.
  • As universidades alcanzan a súa maior valoración entre os maiores de 65 anos.
  • A opinión menos favorable dáse entre os mozos de 18 a 29 anos.
  • Sete de cada dez repróchanlle ser moi teórica e pouco práctica.
  • A metade botan en falta a súa achega para frear o cambio climático.
  • Unha cuarta parte elixirían outro Campus para estudar.
  • Oito de cada dez enquisados consideran que debería ser gratuíta.
  • E apenas un 11% dos que non teñen carreira cre que fixo ben ao abandonar.

Con esta selección de conclusións somente pretendo trasladar dúas ideas: que a universidade está cada vez máis preto de ser asunto de interese público, e que a universidade se sitúa en zonas sociais de elevado afán revisionista.

E esas coordenadas nos incumben como CS.

Só, para finalizar, dous feitos moi relevantes:

Dunha parte, a confirmación de que Aeronáutica terá o seu Máster desde o próximo mes de setembro. Ben merecen ser felicitados os membros que durante estes últimos anos trouxeron esta reclamación ao Consello Social, e por extensión a UVigo, o Campus de Ourense e todos cantos contribuíron desde as súas posicións á consecución deste obxectivo.

E entre estes, un recordo especial a Daniel Barata, falecido a pasada semana. Tivo un destacado papel na configuración do proceso autonómico, concelleiro, parlamentario e conselleiro de Cultura con Manuel Fraga. Pero a súa vocación foi o ensino e a súa principal calidade, o consenso. Alfabetizou adultos, ensinou a ler a recrutas e empuxou o seu partido a aproximar posturas na reforma do decreto que regula o uso do galego na educación.  Foi un docente exemplar e un humanista profundo. E foi vicepresidente do CS durante 9 anos. Descanse en paz.